O Diario Oficial de Galicia vén de recoller a convocatoria da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional a través da que abren o prazo para que os Institutos de Educación Secundaria que o desexen incorporen o vindeiro curso escolar o STEMBach, o Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía que se implantou por primeira vez en Galicia o curso pasado como experiencia piloto.
O obxectivo deste bacharelato é promover a vocación do alumnado cara a investigación científica e tecnolóxica, mediante unha metodoloxía que lle facilite a incorporación e adaptación á ensinanza universitaria, e tendo en conta a perspectiva de xénero. Ademais, favorécese unha mentalidade científica, rigorosa, ordenada e crítica; así como o desenvolvemento da creatividade, do sentido da iniciativa ou do emprendemento e da resolución de problemas.
O alumnado que curse este bacharelato (ben sexa na modalidade de Humanidades, na de Ciencias ou na de Ciencias ou Artes) no segundo ano deberá desenvolver un proxecto de investigación individual ou colectivo con posterior defensa pública. Este proxecto, similar ao traballo de fin de grao, será co-dirixido por un docente dun departamento universitario ou dun centro de investigación de prestixio do Sistema Universitario de Galicia (SUG), e será titorizado polos profesores que impartan a materia de afondamento STEM.
Así mesmo cursará unha materia extracurricular semanal, de dúas ou tres horas, de afondamento relacionada co ámbito de materias STEM e cunha orientación ao traballo na mellora das competencias comunicativas e dixitais. Esta materia será a mesma nos dous cursos coa correspondente secuenciación curricular.
O bacharelato complétase con actividades de formación -organizadas polo centro en colaboración con universidades, entidades ou organismos investigadores, ou con persoas investigadoras de recoñecida competencia- como conferencias, obradoiros ou proxectos.
Ao final da etapa, e tras a avaliación positiva tanto da materia de afondamento STEM extracurricular como da defensa do proxecto de investigación, o alumnado recibirá unha credencial da dirección do centro de que realizou os estudos correspondentes a este programa.
No presente curso 200 alumnos de 15 centros educativos cursan por primeira vez este ano o STEMBach en Galicia.
Abre a convocatoria para que os centros se incorporen ao STEMBach o vindeiro curso escolar
Compartir Este Artigo

