A alumna Elia Casares Nogueira do CEIP Virxe da Pena da Sela, no concello ourensá de O Irixo, vén de proclamarse vencedora da terceira edición do Concurso Literario Infantil e Xuvenil sobre a Protección de Datos, convocado pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) na categoría de 5º-6º Primaria. A estudante de 6º de Primaria presentou un traballo titulado Malas experiencias polo que recibiu de premio unha tableta e un kit de robótica para a súa aula, agasallos que lle entregaron o secretario do CPEIG, Juan José González, e o vogal Iván Luis Vázquez.
O certame, convocado no mes de xaneiro con motivo do Día Europeo da Protección da Datos, está destinado a concienciar á sociedade galega da necesidade de salvagardar a información propia e allea, nomeadamente os menores de idade.
As entidades organizadoras lembran que a día de hoxe “cómpre promover o coñecemento entre a cidadanía sobre cales son os seus dereitos e responsabilidades en materia de protección de datos”.
Participaron no certame unha trintena de escolares de toda Galicia que presentaron traballos en diversos xéneros literarios como o artigo xornalístico, a exposición divulgativa (entrada de blogue ou artigo de divulgación), o conto ou relato curto, todas obras inéditas escritas en lingua galega. Estes traballos responden a preguntas como Que é para ti a protección de datos, como afecta no teu día a día?, ou Como podo protexer os meus datos?”.
Unha escolar de O Irixo gaña o concurso sobre protección de datos na categoría de primaria
Compartir Este Artigo

