Hoxe botou a andar a WWDC, e como estaba previsto, aparte dun avance dos novos equipos para profesionais de Apple, adiantáronse as novidades dos cada vez máis numerosos sistemas operativos da compañía de Cupertino que xa están dispoñibles en probas para desenvolvedores e que no outono chegarán a consumidores finais.
iOS 13
No que se refire aos smartphones, iOS 13 continúa a progresa pausadamente, sen cambios radicais, pero engadindo cousas demandadas dende hai bastante tempo, como o modo escuro, de xeito que unha funcionalidade que ata o momento incluía cada aplicación pola súa conta, ofrecendo aos usuarios unha interface optativa cunha combinación de cores máis escura do habitual, pasará a estar incluída no sistema, o que con pantallas OLED pode supor un aforro de enerxía, aínda que o público simplemente insistía en tal prestación polo seu acomodo visual.
A aplicación de Fotos tamén mellora, facilitando a localización de fotografías (xa que agrupa as que son moi semellantes e amosa os acontecementos importantes do pasado). Tamén inclúe novas opcións de edición de fotografías (de xeito que podemos recortar ou aplicar filtros sen empregar outra aplicación) e incluso para editar vídeo.
Apple tamén presentou un novo xeito de inicio de sesión para aplicacións e páxinas web, que en vez de empregar os identificadores de plataformas como Google ou Facebook, opta polos identificadores de Apple, co que presumen de conseguir unha maior protección da privacidade dos usuarios, á vez que permiten tamén a identificación mediante recoñecemento facial ou pegada dixital.
A aplicación de Mapas tamén promete importantes melloras, pero estas novidades non están previstas ata finais de 2019 nos EE.UU., chegando a outros países en 2020 e con grandes dúbidas de que no noso territorio vaiamos poder gozar desta tecnoloxía dun xeito comparable aos mapas de Google.
Entre outras novidades de iOS 13 temos que os animoji personalizados poderán converterse en lotes de adhesivos para poder empregalos en aplicacións de mensaxería, Siri estrea unha voz máis natural, o HomePod facilitará o acceso a máis de 100.000 emisoras de radio, Siri poderá ler as mensaxes recibidas en aplicacións de mensaxería compatibles, os dispositivos con iOS poderán controlarse totalmente mediante voz (atendendo á demanda de persoas con diversidade funcional), con QuickPath poderemos escribir sobre o teclado virtual sen levantar o dedo da pantalla, a aplicación de Archivos por fin pode acceder a dispositivos externos como tarxetas SD ou unidades USB, a aplicación de saúde estrea o seguimento do ciclo menstrual e a App Store inclúe un novo método de empaquetado que reduce ata un 50% o tamaño das aplicacións e ata un 60% o tamaño das actualizacións, conseguindo tamén unha apertura máis áxil das aplicacións.
iPadOS
Un detalle que pillou por sorpresa é que ás actualizacións previstas para o iPad non chegan a través de iOS 13, senón que Apple decidiu segregar o software de teléfonos e tabletas, e a vindeira versión do sistema operativo das tabletas será iPadOS, cunha nova pantalla de inicio (con widgets), máis prestacións multi-tarefa, novas formas de utilizar o Apple Pencil, poder navegar con Safari como nun ordenador (aproveitando así o tamaño de pantalla dispoñible), gozar de novos xestos para a edición de texto e as novidades propias da vindeira versión de iOS.
watchOS 6
Os reloxos de Apple tamén melloran en prestacións, con novas funcións de saúde como o rexistro do ciclo mensual ou a función Cycle Tracking; unha aplicación para coñecer o nivel de ruído (que pode configurarse tras superar unha barreira que podería ser prexudicial para a nosa saúde auditiva); e por fin unha App Store específica para o reloxo, de xeito que as aplicacións para o Apple Watch xa non estarán obrigadas a ser un espello dunha aplicación instalada no móbil, gañando en independencia e versatilidade.
Dende Apple aproveitaron a ocasión para lanzar novas correas para o reloxo, entre as que destacaron a correa Loop deportiva Orgullo, coa que o usuario contribúe con distintas organizacións LGBT.
tvOS 13
De cara o televisor os avances están claramente enfocados en facer que cando Apple lance o seu servizo de televisión de subscrición a experiencia sexa o máis satisfactoria posible (por exemplo, permitindo engadir distintos usuarios para que as recomendacións se adapten a cadaquén), pero dado que o servizo de Apple Arcade tamén chegará aos Apple TV, tamén resultou interesante saber que este trebello será compatible cos mandos da Xbox One S e da PS4.
macOS Catalina
O sistema operativo de escritorio de Apple continúa avanzando na chamada iOSificación, e contará con ferramentas que fagan moi doado trasladar aplicacións de iPad ao Mac, co que confían en incrementar o número de aplicacións dispoñibles nos equipos de escritorio de Apple.
Tamén resultou moi relevante o feito de que por fin decidisen deixar de lado a aplicación de iTunes (que continuará intacta en Windows) e dividir as súas funcións nas aplicacións de Apple Music, Apple Podcasts e Apple TV.
Unha prestación que ata o momento precisaba de aplicacións de terceiros e agora será nativa é a de Sidecar, que permitirá ampliar o escritorio do ordenador a un iPad, o que resulta especialmente interesante para usuarios creativos, que poderán aproveitar o Apple Pencil no seu ordenador, á vez que tamén será práctico para mellorar a produtividade cun monitor secundario.
No que se refire á accesibilidade, o novo macOS integrará control por voz, de xeito que as persoas con certas limitacións físicas poderán manexar totalmente o seu equipo informático grazas ao recoñecemento de voz de Siri.
Novas ferramentas de desenvolvemento
Pero non podemos esquecer que a WWDC é unha cita para creadores de software, de aí que os anuncios destes días van dirixidos principalmente a estes profesionais que pasarán a contar con novas ferramentas de Xcode, a solución de realidade aumentada ARKit 3 e o contorno SwiftUI, que farán máis doada a creación de aplicacións dentro do ecosistema de Apple, así como a conversión de aplicacións de iPad para Mac. Con PencilKit os desenvolvedores tamén terán doado engadir compatibilidade co lapis dixitalizador de Apple nas súas aplicacións; SiriKit permite engadir compatibilidade con aplicacións de audio de terceiros (música, podcasts e audiolibros) de xeito que os usuarios poderán controlar o seu audio mediante ordes de voz; e moitas outras novidades que abren as portas a moitas posibilidades de desenvolvemento que tardarán bastantes meses en dar os seus froitos.
