As oficinas da delegación santiaguesa da Federación Galega de Fútbol (FGF), situadas no estadio municipal Vero Boquete de San Lázaro, acolleron este mediodía o acto de sinatura do acordo polo que a empresa galega Voltier Electronics e a Asociación PuntoGal se converten nas entidades patrocinadoras principais da Selección Galega de Fútbol Gaélico para os vindeiros 2 anos. Na sinatura do convenio participaron o presidente da Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG), Ángel Negrete, mentres que en representación de PuntoGal estiveron presentes o seu presidente, Manuel González, e o seu director xeral, Darío Janeiro, e por parte de Voltier Electronics Iván Souto e Luis Rama, socios fundadores.
Negrete destacou en nome do gaélico galego a transcendencia deste convenio de patrocinio «que, grazas ao compromiso de dúas firmas galegas punteiras nos seus sectores nos permitirá seguir crecendo como referencia do fútbol gaélico a nivel internacional a través da Selección Galega». Deste xeito, expresou o seu recoñecemento e agradecemento tanto a PuntoGal como a Voltier Electronics e fixo fincapé na relevancia deste acordo de colaboración «que é para nós fundamental, pois cobre a participación da Selección no mundial deste verán e no europeo do ano que vén para o que, ademais, estamos traballando na candidatura de Galicia como sede» engadindo que «as achegas de entidades empresariais unidas a outro tipo de iniciativas que vimos levando a cabo para conseguir fondos son imprescindibles para poder afrontar a participación das Seleccións en torneos internacionais, tendo en conta que somos totalmente amateurs e que xogadore, corpo técnico e outros membros da AGFG debemos realizar importantes sacrificios persoais e incluso económicos para competir».
O presidente de PuntoGal, Manuel González, sinalou no acto de presentación que «o dominio .gal é unha etiqueta que nos identifica aos galegos en todo o mundo, e que a posta de relevo dos signos de identidade de Galicia son unha prioridade para a Asociación PuntoGal» e «por iso apoia iniciativas que contribúen a reforzar as nosas características diferenciais, como é o fútbol gaélico». Dario Janeiro, director xeral de PuntoGal sinalou que «PuntoGal, como asociación sen ánimo de lucro, inviste todos os seus beneficios na promoción da lingua, cultura, deporte e tecnoloxía galegos e na visibilidade de Galicia no ciberespazo» engadindo que a asociación «leva traballando os últimos meses no establecemento dun programa corporativo de colaboración e apoio a entidades vinculadas á lingua, a cultura, a sociedade ou á tecnoloxía en Galicia», como o traballo realizado de localización do navegador Firefox ao galego, a organización do exitoso certame de microrrelatos coa Real Academia Galega, o apadriñamento do festival de Cans ou o apoio a eventos como a First Lego League, o Día Internacional das Rapazas nas TIC, a Noite Galega das Telecomunicacións ou Coruña Hacks. Janeiro concluíu que o crecemento no número de dominios rexistrados irá posibilitando, pouco a pouco, máis accións deste tipo que, na súa opinión «constitúen unha das razóns de ser de PuntoGal».
PuntoGal e Voltier Electronics patrocinarán á Selección Galega de Fútbol Gaélico
Compartir Este Artigo

