Garantir que os concellos que non conten con sucursais bancarias poidan contar con servizos básicos de banca, ao tempo que se asegura, tamén, a capacitación da veciñanza destas localidades en materia de servizos bancarios dixitais. Nisto consiste a medida presentada este 13 de xuño polo Goberno galego, que inclúe (entre outras cousas) a instalación de caixeiros automáticos nos termos municipais que non dispoñan deles.
A medida do Goberno galego foi dada a coñecer polo presidente, Alberto Núñez Feijóo, trala celebración do Consello da Xunta. Segundo fixo saber, a licitación (que se fará efectiva en datas vindeiras) é unha resposta “a un problema que se está a detectar nas zonas do rural”. A previsión, de primeiras, é beneficiar un total de 41 concellos que actualmente carecen dunha entidade de crédito, 25 na provincia de Ourense, 10 na Coruña, 4 en Lugo e 2 en Pontevedra. O presidente explicou que este contrato dará acubillo a outros dous servizos, un de asistencia financeira ao cidadán para solucionar dúbidas de xeito presencial e outro de formación en banca electrónica para os cidadáns interesados en adquirir esas habilidades.
O Goberno galego quere garantir os servizos bancarios dixitais no rural
Compartir Este Artigo

