Hoxe comezou a nova edición (a sétima) do Campus de Verán Xuvenciencia, que se celebra ata este 5 de xullo convertendo a cidade da Muralla en capital galega, estatal e europea do que se vén coñecendo como universo STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas). Na iniciativa, impulsada pola Universidade de Santiago (Campus de Lugo) e o Concello e a Deputación, participan 150 alumnos e alumnas preuniversitarios de España e Portugal. As actividades de Xuvenciencia (todo tipo de obradoiros e proxectos divulgativos) buscan estimular vocacións científicas entre o alumnado máis novo e dar a coñecer as importantes vantaxes de estudar no campus local.
Na inauguración concorreron a deputada de Cultura en funcións, Pilar García Porto; a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo; a vicerreitora de Coordinación, Montserrat Valcárcel; a profesora da USC e coordinadora de XuvenCiencia, Mercedes Novo Rodríguez; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; e a secretaria territorial da Delegación da Xunta en Lugo, Marta Barreiro Castro.
Ao abeiro da edición 2019 de Xuvenciencia, unha das principais novidades é a actividade Aprendendo a construír vídeos contra o ciberbullying, coordinada por Mari Carmen Caldeiro Pedreira, na que se abordará como o uso indiscriminado dos teléfonos móbiles e da tecnoloxía por parte das novas xeracións deriva ás veces en acoso e violencia. Neste obradoiro, aprenderase a combater o ciberbullying “coas súas propias armas”, a través da construción de pequenos vídeos que permitan facer conscientes ás rapazas e aos rapaces de como se detecta e como se intervén sobre esta nova forma de acoso.
As distintas actividades incluídas no campus de verán XuvenCiencia desenvolveranse en quenda de mañá e tarde, en horario de 9.30 a 18.00 horas, nas facultades de Ciencias, Humanidades, Administración e Dirección de Empresas, Formación do Profesorado e Veterinaria, así como na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e os dous centros adscritos: Escola Universitaria de Relacións Laborais e Escola Universitaria de Enfermaría.
As visitas aos distintos laboratorios de investigación e servizos da USC en Lugo e a centros e empresas colaboradoras (Aula de Produtos Lácteos, Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, Museo Provincial, Museo Universitario A Domus do Mitreo, AMSlab, Xenética Fontao, Hospital Universitario Lucus Augusti, Castro de Viladonga, Sotavento, Fundación TIC, LARSA, Norvento, FINSA, CETAL), e a realización de obadoiros relacionados coas titulacións científicas, técnicas e sociais do campus centran as actividades programadas polos organizadores do campus en quenda de mañá. .
Polas tardes, os/as alumnos/as inscritos/as no programa, repartidos en grupos pequenos, desenvolverán, baixo a tutela do profesorado universitario, distintos proxectos científicos ou técnicos a elixir entre 26 propostas.
A contribución da Deputación
A deputada de Cultura en funcións, Pilar García Porto, avanzou na súa intervención de hoxe que “é moi importante achegar aos rapaces este tipo de actividades que contribúen a coñecer a ciencia e a tecnoloxía como xeito de fomentar a curiosidade, e que fomenta o interese do alumnado pola actividade científica, que é un motor da sociedade e do seu desenvolvemento”.
Segundo fixo saber, un profesor do Centro de Formación do SdeA (o CFA da Deputación de Lugo) impartirá o obradoiro Como elaborar vídeos para YouTube, e técnicos do Centro de Produción do Servizo (CPS), prestarán apoio ao alumando durante a edición dos vídeos sobre os seus proxectos científicos. Ademais, durante toda a semana, un equipo de profesionais gravará as actividades para a peza audiovisual que sirva de resume da semana. Proxectarase no acto de clausura, o 5 de xullo.
Un obradoiro impartido no Centro de Formación Audiovisual
O obradoiro de contidos para YouTube, que impartirá un profesor do SdeA nas instalacións do CFA, forma parte, por terceiro ano consecutivo, da programación de Xuvenciencia. Segundo lembra a Deputación, trátase dun taller que tivo moi boa aceptación nas anteriores convocatorias, e, de feito, foi o propio alumnado quen pediu que se volvese organizar. Ademais de ensinarlles como subir vídeos a esta plataforma, crearase unha canle propia para pendurar un audiovisual que os estudantes gravarán e editarán durante o obradoiro.
Por outra banda, técnicos do SPA prestarán apoio técnico e asesoramento aos alumnos de Xuvenciencia na edición dos audiovisuais que elaborará cada grupo, cos que presentarán os seus proxectos e participarán no concurso de vídeos que convoca a USC. A achega da Deputación complementarase con reportaxes e un vídeo coa recompilación dos momentos mais salientables.
Até 150 mozas e mozos participan no Campus Xuvenciencia de Lugo
Compartir Este Artigo

