Dende 2015 Apple leva empregando nos seus novos portátiles teclados cun mecanismo chamado de bolboreta, que ten moi pouco percorrido e que son rexeitados por moitos usuarios por consideralos máis incómodos que os seus predecesores, aínda que a súa grande eiva é que son máis susceptibles a fallar por culpa da acumulación de po no mecanismo das súas teclas, o que levou a que neste tempo tivésemos xa tres xeracións desta tecnoloxía.
Pero a terceira xeración dos teclados bolboreta parece non ter solucionado os problemas denunciados polos usuarios nos últimos anos, polo que poderiamos concluír que realmente estamos ante unha tecnoloxía que non tería que terse chegado a adoptar nunca, pois a súa suposta mellora estética provocaba defectos funcionais que non son admisibles nun elemento tan crítico dun equipo informático (especialmente se tempos en conta os prezos dos MacBook Pro).
Por todo iso non sorprende que as últimas predicións do analista Ming-Chi Kuo recollan que en 2019 os novos MacBook Air adoptarán un novo deseño de teclado con interruptores de tesoira (en vez do mecanismo de bolboreta), mentres que pare ver este cambio tecnolóxico nos MacBook Pro habería que agardar a 2020. En todo caso estaríamos ante o recoñecemento tácito de que os teclados bolboreta foron un erro que non souberon admitir, teimando erradamente en parchealo cando esa tecnoloxía debería terse abandonado cando se detectou que daba tantos problemas.
Apple podería abandonar os teclados bolboreta nos vindeiros meses
Compartir Este Artigo
