Partindo de datos de máis de 40 millóns de buscas baseadas en navegadores web en millóns de dispositivos móbiles e de escritorio en EE.UU. manexados por Jumpshot, dende SparkToro dan conta dun fito histórico para Google: máis da metade das buscas realizadas non desembocan nunha páxina web externa.
Non estamos a dicir que Google non atine nos seus resultados, senón que achega demasiada información, de xeito que os usuarios tendemos a atopar o que buscamos dentro da propia Google, sen ter que facer clic sobre os resultados para chegar á fonte orixinal, cumprindo así un dos grandes obxectivos do buscador, pero prexudicando seriamente a boa parte da web, que ve como Google vampiriza o seu contido.
No segundo trimestre de 2019 os resultados de busca sen clic serían o 49,76%, pero se concentramos o foco no mes de xuño temos que a porcentaxe chega ao 50,33%, ou sexa, que xa a maioría dos resultados manterían aos usuarios dentro de Google, o que podería chegar a verse como un abuso de posición dominante, especialmente se temos en conta que case a totalidade das buscas realizadas na web (o 94%) corresponden a Google, compañía que acapararía o 69,35% das buscas no seu buscador web xeral, o 20,45% no seu buscador de imaxes, o 2,98% en YouTube e o 0,75% en Google Maps.
Dende SparkToro tamén matizan que Jumpshot só está a medir as buscas vía web, non dende aplicacións móbiles, nas que a presenza de Google aínda é maior, de xeito que a cota de mercado real de Google nas buscas superaría o 97%.
Máis da metade das consultas en Google resólvense sen saír do buscador
Compartir Este Artigo
