Hoxe o Goberno galego achegou datos sobre o programa do IGAPE (Consellería de Economía) para impulsar o emprego da nosa mocidade nun ámbito laboral e empresarial de gran proxección: a Industria 4.0. Os detalles foron achegados polo delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, quen lembrou que a iniciativa se dirixe a xente de menos de 35 anos e que busca “a especialización e o acceso ao mundo laboral das persoas recentemente tituladas O programa, dixo, ten un triplo obxectivo: reter talento na Comunidade, favorecer o desenvolvemento da carreira profesional da xente moza e apoiar o tecido empresarial.
Segundo engadiu, a través desta liña de axudas, dotada con dous millóns de euros, incentivarase a contratación e a formación destes profesionais por parte das empresas, autónomos con dous ou máis empregados e as asociacións, fundacións ou clústeres, para a realización de plans que garantan o seu avance competitivo na Industria 4.0.
Tamén explicou que as entidades beneficiarias poderán optar a un máximo de cinco contratos incentivados e que a retribución salarial anual bruta que percibirá cada persoa contratada non será inferior aos 19.000 euros.
As iniciativas de mellora abeiraranse a ámbitos como a optimización financeira, a profesionalización da produción e a cadea loxística, o desenvolvemento de procesos e sistemas de xestión da calidade, a identificación e posta en marcha de redes de cooperación e socios, a aposta polo capital humano, o asesoramento integral ao proceso emprendedor, a dixitalización ou creación de contidos dixitais e a incorporación efectiva de tecnoloxía, entre outros.
O prazo de solicitude para optar a estes apoios rematará o próximo 7 de outubro, tanto para as empresas interesadas en beneficiarse deste programa, como tamén para as persoas acabadas de titular, que deberán darse de alta na base de datos do programa accesible na web do IGAPE.
A iniciativa enmárcase na nova Axenda 4.0, para cuxo desenvolvemento a Xunta destinará 350 millóns de euros entre 2019 e 2022.
O IGAPE quere converter a nosa mocidade en Profesionais 4.0
Compartir Este Artigo

