O proxecto itinerante Creactivity, impulsado por Obra Social La Caixa, recala en Ribeira co obxectivo de fomentar a aprendizaxe lúdico-construtiva a través de disciplinas científico-tecnolóxicas e artísticas. Esta convértese na última parada nos concellos de Arousa Norte despois de que percorrese Rianxo, Boiro e A Pobra do Caramiñal. Previamente o percorrido pasou por Cedeira, Bueu, Mondoñedo, Carballo, Cangas ou Vilagarcía, entre outras vilas e cidades. 
Trátase dun espazo-obradoiro onde se practica a arte de pensar coas mans, con elementos ideados para fomentar a creatividade, o espírito emprendedor, a cooperación e a reflexión. O vehículo alberga o centro de operacións dun completo programa de actividades dirixido a rapazada a partir dos 7 anos.
Até o venres 30 o vehículo de La Caixa estará emprazado na avenida do Malecón, en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas.
A infraestrutura móbil será o centro de operacións dun completo programa de actividades para espertar o enxeño da rapazada, a súa destreza e a súa creatividade. Os cativos participarán en obradoiros con materiais cotiás e ferramentas para dar vida ás súas propias ideas.
Baseado na metodoloxía de traballo e formación do deseño intelixente (Design Thinking), o espazo Creactivity busca que os participantes realicen creacións e construcións científicas ou tecnolóxicas, xa sexa de forma individual ou colectiva, que respondan os retos suxeridos ou aos seus propios desafíos a través da manipulación, observación e exploración de materiais e fenómenos. O Creactivity inspírase no movemento Tinkering liderado polo Exploratorium de San Francisco.
O obxectivo último do Creactivity é “empoderar aos nenos e nenas para intervir no mundo que lles rodea”. Inspírase, tamén, no movemento mundial argalleiro: o movemento Maker, que defende un xeito colectivo de facer innovación, enxeños concretos que axuden a mellorar a nosa vida e a protexer o medio ambiente potenciando as moitas cualidades que todas as nenas e nenos levan dentro. Trátase da filosofía do “faino ti mesmo” levada ao extremo, en tecnoloxías e ciencia.
O bus de Creactivity estará ata o venres en Ribeira
Compartir Este Artigo

