Os 23 matriculados no primeiro Curso de Especialista Universitario en tecnoloxías de Quinta xeración 5G recibiron hoxe a benvida da directora da Axencia para Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, e do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Joaquín Reigosa, na xornada inaugural que se celebrou esta mañá na Escola de Enxeñaría en Telecomunicacións.
A posta en marcha deste Curso é froito dun acordo subscrito este ano entre a AMTEGA, a Universidade de Vigo, e o operador público Retegal o pasado mes de febreiro. Este programa formativo, enmarcado no Plan Galicia 5G da Xunta, ofrece a diferentes perfís profesionais do sector tecnolóxico capacitación especializada e adaptada ás necesidades derivadas da futura extensión da tecnoloxía 5G.
Impartido por expertos
Os alumnos son, maioritariamente, profesionais do sector tecnolóxico cunha experiencia laboral de entre cinco e dez anos, aos que suman estudantes de Master ou nos últimos anos de Grao e persoas en situación de desemprego.
O curso, con 200 horas lectivas, estrutúrase en 6 módulos, que se impartirán presencialmente os xoves e venres polas tardes Escola de Enxeñaría en Telecomunicacións durante os meses de setembro a decembro máis o proxecto fin de curso. Superadas todas as fases, os alumnos obterán o título de Especialista en Tecnoloxías de Quinta Xeración (5G).
O cadro docente está integrado, tanto por profesores da Universidade como por profesionais expertos do sector, tanto de operadores (Movistar, Orange, Vodafone), como fabricantes (Nokia Spain, Ericsson) e desenvolvedores de solucións verticais (PSA, RTVE, CTAG, SERGAS).

