O Concello de Oleiros quere máis e mellores accesos á Rede para as súas parroquias, e quere impulsar os procesos para garantilos. En base a este obxectivo, o alcalde Ángel García Seoane mantivo a semana pasada unha xuntanza con representantes do Goberno galego en materia de telecomunicacións, co fin de obter datos actualizados sobre a situación na que se atopan os distintos proxectos para despegar rede de banda larga previstos no termo municipal.
Segundo lembra o Concello, “as empresas de telecomunicacións R e Telefónica foron subvencionadas por parte do Ministerio de Industria para estender o acceso ultrarrápido a Internet a diversas zonas de Oleiros e para cumprir os prazos estipulados deben iniciar as actuacións de maneira case inmediata”. En termos máis concretos, a compañía galega de cable tería de prazo ata finais de 2019 para dotar de banda larga ás seguintes zonas: Lorbé, Aguieira, Augarrío, Breixo, O Couto, Lourido Pequeno, Sisaldo, Abeleiras de Abaixo, Campo da Vila, Fontes, A Xesta, Maianca, Agra da Pedra, A Gándara, Punxeiro e Xoez.
Telefónica, pola súa banda, debe realizar as instalacións en Aba, Dexo, Babilonia, A Lagoa, O Valiño e A Veiga antes de que remate o 2020.
No camiño de axilizar os procesos de despregue e garantilos, a liña de acción do Concello baséase en establecer xuntanzas coas compañías e cos responsables do Ministerio de Industria para “que non se siga a atrasar máis a instalación deste servizo nas zonas comprometidas”.
Oleiros demanda a aceleración do proceso para levar banda larga ao municipio
Compartir Este Artigo

