A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, activou este ano Comercio 360, cuxos detalles foron presentados no mes de xuño, salientando o seu obxectivo de apostar polo noso a través das máis innovadoras ferramentas de comunicación. Segundo fai saber Economía, trátase dunha iniciativa para acompañar os cambios que experimentan todos os axentes implicados no comercio (establecementos e compradores) e mesmo para adiantarse a eles. “O noso obxectivo é dar resposta aos cambios que a dixitalización e os novos hábitos de consumo están a introducir no sector e que se adapta e anticipa ás novas demandas e necesidades dos cidadáns”. O programa, que xa ten dúas ducias de protagonistas (comercios galegos 360), é unha aposta firme pola competitividade dos establecementos e polo empoderamento do consumidor. O reto, a medio e logo prazo, é lograr que se beneficien da proposta 10.000 establecementos.
A iniciativa, á que se destinan 5,7M€ este ano, abrangue propostas que avanzan na dixitalización para mellorar a atención e experiencia do cliente, á vez que pon en valor a aposta polo produto local, a sustentabilidade e a economía circular, a responsabilidade social ou o deseño, “facendo que estes sexan os seus elementos de diferenciación e especialización”.
Cunha visión a tres anos (2019-2021), nesta primeira fase estanse a poñer en funcionamento medidas de sensibilización, axudas para a eco-innovación e laboratorios comerciais.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria xa ten comezado o labor de sensibilización e divulgación do Comercio 360 coa realización de xornadas e a análise de casos de éxito. Por outra banda, anunciou o impulso dunha liña de axudas á eco-innovación para impulsar a economía circular e a sustentabilidade no comercio a través da adhesión á plataforma de tícket dixital (que permite aos clientes e comercios coñecer o estado e garantía das súas compras ou vendas evitando a perda ou deterioro do tícket tradicional e minimizando o uso do papel); da promoción dos ecoenvases realizados con materiais cen por cen biodegradables; ou implantando proxectos de economía circular que fomenten a reciclaxe e os produtos ecolóxicos.
Amais das devanditas novidades, ao abeiro do proxecto está previsto crear sete laboratorios comerciais nas principais cidades galegas para asesorar e impulsar o Comercio 360, achegando aos interesados servizos personalizados de asesoramento, comunicación e publicidade, mercadotecnia intelixente (marketing intelligence) ou mellora da xestión, entre outros ámbitos de actividade.
A iniciativa está dirixida a PEME de menos de 10 traballadores e insírese na estratexia de impulso á competitividade do comercio de proximidade, sendo o seu obxectivo ofrecer aos establecementos unha folla de ruta para conseguir un comercio diverso, moderno e adaptado ás novas realidades (reforzando a súa imaxe física e tamén a dixital) e servizos, o que permitirá, en palabras da Consellería de Economía, “dinamizar tamén os centros urbanos das cidades e vilas galegas para facelos máis atractivos aos cidadáns, turistas e visitantes”.
A Xunta márcase tres obxectivos prioritarios coa posta en marcha desta iniciativa: lograr que 10.000 comercios galegos se sumen a esta estratexia 360; que máis de 1.000 establecementos se beneficien dos servizos de asesoramento; e que 5.000 comercios incorporen no seu modelo de xestión a aposta pola sustentabilidade e o tícket dixital.
O Contexto de Comercio 360
A iniciativa Comercio 360 ven substituír ao anterior concepto SmartCommerce creado ao abeiro do Plan de Impulso ao Comercio Interior de Galicia 2015-2020. O dito concepto facía referencia a aspectos máis dixitais, mentres que o Comercio 360 presenta unha estratexia máis global, que inclúe valores como a sustentabilidade, a aposta polo produto local, a creación de marca vencellada ao territorio e un novo concepto máis amplo de comerciante que inclúe tamén aspectos como o deseño ou a fabricación de produto propio.
O Plan Estratéxico de Impulso ao Comercio 2015-2020 prevé actuacións encamiñadas á modernización do sector comercial galego. Por iso, o pasado ano xa se puxo en marcha unha liña específica dotada de 4,1M€ cos seguintes resultados: 487 axudas concedidas que suman preto de 2,37 millóns de euros, o que permite a mobilización final de investimentos que superan os 4,7 millóns.
A web
Sen dúbida un dos elementos centrais do proxecto é o portal https://comercio360.gal/, que salienta por ofrecer información directa e clara sobre os establecementos adheridos e sobre os principais obxectivos da proposta xeral, así como dos xeitos que teñen os consumidores de beneficiarse dela: de tirarlle partido coa seguridade de que todo o que se faga polo comercio local e de calidade beneficiará máis adiante (integralmente) a todas as partes implicadas.
A web destaca tamén polos esforzos aplicados en despexar o camiño comunicativo (o proceso de achegamento dos clientes ás propostas dos establecementos adheridos) de todo o que non sexa necesario para esa comunicación. Artéllase nunha serie de seccións principais: Inicio, Que é o Comercio 360, Premios, Protagonistas, Novas e Contacto. Tamén se ofrece aos usuarios unha sección de busca que facilita ao máximo a procura de información sobre os establecementos. Porén, a web tamén permite que os datos sobre os comercios saian ao paso dos internautas sen necesidade de procuralos.
A listaxe provisional de empresas, todas elas presentadas no portal con múltiples detalles de interese sobre a súa actividade, está constituída por Tobarix, Le Petit Coin, Del Mar Al Plato, The Cosmethics, Moito Conto, Clothes&Co, Filament2Print, Vaidhe, Maow, Rockbox, Xiro, Krack, Casa Serra, Böuret, Noroeste Obradoiro, La Canalla Gourmet, Myka Deco, Lily&White, Vazva, Quenlla, Las Merceditas de Iria e Queixería Praza do Campo.
Comercio 360 creará a gran rede sustentable dos nosos establecementos de proximidade
Compartir Este Artigo

