A sede da empresa galega GAMELSA, do Grupo Televés, recibiu hoxe a visita da directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, quen puido coñecer de primeira os proxectos nos que traballa a firma do Polígono do Tambre (Santiago), entre os que se atopa CLAUDIIA (polas súas siglas en inglés Collaborative Layer for Automation and Development of Industrial Innovative Approache), iniciativa impulsada en colaboración co Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG).
O proxecto de GAMELSA, dotado cun orzamento de máis de 3,87 millóns de euros ata 2022, conta co apoio do programa de Fábrica Intelixente da Axencia Galega de Innovación da Consellería de Economía, Emprego e Industria co-financiado co Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.
O proceso de dixitalización de Gamelsa pasa, entre outras accións, pola implantación co apoio do CTAG dun Xemelgo Dixital, un sistema virtual que representa a fábrica e favorece a optimización dos procesos aforrando tempo e consumos, anticipándose aos erros e simulando novos escenarios, mostrando gran potencial á hora de fabricar unha peza nova. Segundo apuntou a directora de GAIN, “este proceso de transformación da industria galega coñecido como Fábrica Intelixente ou Fábrica do Futuro ten unha grande potencialidade para o crecemento da economía e constitúe un dos factores clave para a competitividade do tecido empresarial galego”. Argerey engadiu que o programa Fábrica Intelixente é “o máis ambicioso” co que conta o seu departamento para apoiar a I+D+i no ámbito da fábrica avanzada, e nel inclúense proxectos industriais innovadores liderados por PSA, Televés, FINSA, CUPA, COPO, Navantia, Borgwarner, Benteler, Albo e GAMELSA.
Na visita de hoxe, a directora de GAIN salientou a aposta pola innovación e a Industria 4.0 de Televés, que conta con dous proxectos apoiados no programa Fábrica Intelixente. O outro proxecto, que arrincou en 2016, é Corp4Future (Creación, deseño e desenvolvemento de novas ferramentas e solucións para a industria do futuro), que busca aplicar un novo modelo produtivo a través do uso de tecnoloxías facilitadoras da Industria 4.0 para “flexibilizar e optimizar a cadea produtiva e o desenvolvemento de novas funcionalidades e solucións”.
Unha firma do Grupo Televés
GAMELSA é unha empresa do grupo Televés especializada en procesos de mecanizado de chapa e tubo en todo tipo de materiais metálicos. Dado que os seus produtos son variados e de tiradas curtas, a aplicación dos conceptos da fabricación avanzada supón un aproveitamento dos recursos e a realización de produtos con maior grao de personalización. A empresa traballa fabricando para as empresas da súa corporación, pero sobre todo para terceiros, que representan o 70% da súa facturación. Con este proxecto persegue acadar unha posición de referencia no sector do metal.
GAIN salienta os avances de GAMELSA en materia de procesos intelixentes
Compartir Este Artigo

