Raquel Molinero, directora asociada de Studio Promotions na empresa de xogos en liña King, vai estar este mércores no Campus de Ferrol para impartir unha clase maxistral. A cita será ás 16.00 horas na Escola Politécnica Superior, ao abeiro do Mestrado en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos.
Especializada en metodoloxías para incrementar a comunidade usuarios dos servizos achegados por King, Molinero ten traballado como profesional da mercadotecnia dixital nos sectores do retail, o lecer e as viaxes da man de Groupon e Atrápalo.
A día de hoxe desenvolve o seu labor profesional con franquías como Farm Heroes Saga, Bubble Witch Saga ou Pet Rescue Saga nos estudos de King en España, Suecia e Reino Unido.
Grazas á súa clase maxistral, o alumnado do 1º e mais do 2º curso do mestrado achegarase á industria do videoxogo, máis polo miúdo ao eido dos teléfonos móbiles intelixentes, para afondar na importancia de investigar o mercado para a toma de decisións, as fortalezas e feblezas como organización, a visión, misión e os valores así como as estratexias de crecemento, visualización de marca e segmentación.
Máis seminarios da Facultade de Humanidades e Documentación
Pola súa banda, o alumnado do Grao en Xestión Industrial da Moda terá a oportunidade de escoitar ao profesor da Universidade da Granada, Pedro Francés Gómez, nun seminario centrado na ética profesional e na Responsabilidade Social Empresarial que terá lugar mañá, martes 29 de outubro, ás 15:30 horas, na Facultade de Humanidades e Documentación.
O mércores 30 de outubro, ás 12:00 horas, será a quenda do profesor da Universidade de Castela A Mancha, Emilio López Cano, quen afondará nas aplicacións prácticas da estatística na industria da moda. A este seminario asistirá tamén o alumnado do primeiro curso do Grao en Xestión Dixital de Información e Documentación.
A experta en mercadotecnia dixital Raquel Molinero, este mércores na UDC
Compartir Este Artigo

