A entidade público-empresarial Red.es, de ámbito estatal, recibiu finalmente un total de oito solicitudes para desenvolver proxectos piloto con tecnoloxía 5G noutras tantas comunidades autónomas, incluída a nosa. Trátase da segunda convocatoria de axudas ao desenvolvemento de iniciativas co dito estándar móbil lanzada por Red.es, dependente do Ministerio de Economía. Amais de Galicia, presentaron solicitudes a Comunidade Valenciana, Madrid, Andalucía, Euskadi, Castela A Mancha, Catalunya e Estremadura.
As solicitudes presentadas corresponden a empresas ou unións temporais de empresas (UTE) e, tal e como esixía a convocatoria, oriéntanse a un ámbito territorial de actuación. Nas ditas oito propostas achegadas participan tres ducias de institucións e empresas das ditas autonomías. No caso da contribución galega, vén da man do operador Orange, a firma galega Cinfo (con sede no CITIC da Coruña e centrada en solucións audiovisuais de baixo custe e ferramentas para a produción de eventos na nube asistidas con Intelixencia Artificial, é o caso de Tiivii), a madrileña Gamera Nest e a tamén galega Optare Solutions (radicada no Parque Tecnolóxico e Loxístico de Vigo e especializada en achegar recursos avanzados ao sector das telecomunicacións dende 2002).
As propostas deberán pasar agora os trámites administrativos pertinentes, recollidos nas bases da presente convocatoria, para verificar a súa viabilidade e proceder á súa avaliación conforme aos criterios establecidos na convocatoria, previamente á resolución final das axudas.
Primeira edición
O 30 de abril de 2019 resolveuse a primeira convocatoria de pilotos 5G promovida polo Goberno, a través de Red.es. Por este motivo seleccionáronse dous proxectos, en desenvolvemento actualmente nas Comunidades Autónomas de Andalucía e Galicia. O orzamento agregado de ambas as accións supera os 36 millóns de euros, dos que a entidade co-financia máis de 10 a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a cargo do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE).
As Unións Temporais de Empresas de Vodafone España e Huawei Technologies España, por unha banda, e a de Telefónica Móbiles España, Telefónica de España, Telnet, Cinfo, Centro Internacional de Oftalmoloxía Avanzada, Idronia, Nokia e Ericsson, son as encargadas de desenvolver os pilotos en Andalucía e Galicia, respectivamente.
Red.es recibe solicitudes para desenvolver novos proxectos 5G en oito comunidades, incluída Galicia
Compartir Este Artigo

