Entre as accións para loitar contra a desinformación a través da Rede dende Facebook veñen de desartellar unha rede que operaba en Facebook e Instagram a través de 610 contas de usuario, 89 páxinas de Facebook, 156 grupos e 72 contas de Instagram orixinadas en Vietnam e os EE.UU., con mensaxes dirixidas principalmente aos EE.UU., aínda que tamén con informacións dirixidas a influír a usuarios que falasen vietnamita, chinés e español.
Esta rede xiraría ao redor da empresa estadounidense The BL (posicionada claramente a favor do presidente Trump), e as contas falsas que a formaban simulaban ser de xente real con imaxes xeradas por intelixencia artificial. A actividade da rede estaría ligada ao Epoch Media Group (coñecido pola divulgación de teorías da conspiración), para quen terían a xente traballando dende Vietnam formando esta rede.
Facebook vetou a The BL polos seus comportamentos, que incumpren numerosas normas da compañía, e aínda están a investigar para ver se toman máis accións sobre o seu comportamento fraudulento que tería chegado a unha audiencia duns 55 millóns de seareiros. Tamén comentan que esta rede tería investido en Facebook e Instagram preto de 9,5 millóns de dólares en publicidade dende numerosas contas, nunha actuación claramente coordinada e con claras intencións de manipulación informativa.
Facebook desmantela unha rede de manipulación informativa pro-Trump
Compartir Este Artigo
