A investigadora do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña, Minia Manteiga, vén de ingresar na Real Academia Galega de Ciencias. O acto celebrouse onte no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela. A investigadora é a primeira catedrática de Astrofísica en Galicia, especialista en evolución estelar, astrofísica espacial e Big Data Astronomy, e docente na Escola Superior de Náutica e Máquinas da UDC.
Minia Manteiga forma parte do Grupo Galego da Misión Espacial Gaia, un ambicioso proxecto da Axencia Espacial Europea que ten como obxectivo crear un mapa tridimensional da Vía Láctea. Tamén é colaboradora da Axencia Estatal de Investigación, presidenta do Grupo de Astrofísica (GEA) da Real Sociedade Española de Física, membro da Sociedade Española de Astronomía (SEA), da Unión Astronómica Internacional (IAU) e da Sociedade Europea de Astronomía (EAS).
O discurso de toma de posesión de Minia Manteiga como nova académica levou por título Gaia: O primeiro censo de estrelas da Vía Láctea en seis dimensións.
A Real Academia Galega das Ciencias (RAGC) ten como obxectivo promover a ciencia e a tecnoloxía e a súa influencia na sociedade, difundindo a cultura e os valores científicos para contribuír ao desenvolvemento social e económico de Galicia.
A investigadora do CITIC da UDC Minia Manteiga ingresa na Real Academia Galega das Ciencias
Compartir Este Artigo

