A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia vén de abrir a convocatoria das bolsas Digitalent dirixidas a facilitar a incorporación empresarial de perfís non tecnolóxicos no sector TIC. A convocatoria de axudas para a realización de prácticas formativas, publicada este xoves 5 no DOG, está encamiñada a estudantes dos campus galegos no curso 2019-2020.
Segundo informa AMTEGA, estas prácticas están orientadas a estudantes universitarios menores de 31 anos, matriculados en Artes e Humanidades, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura de calquera das tres universidades galegas e que teñan máis do 75% e menos do 100% de créditos aprobados.
Até o 6 de abril as alumnas e alumnos poden presentar as súas candidaturas e solicitar algunha das 32 prazas ofertadas polas empresas TIC, seleccionadas como entidades colaboradoras, a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, baixo código de procedemento PR607A. Ademais, os interesados deberán estar rexistrados no portal de becas FEUGA na ligazón correspondente.
A axencia tamén fai saber que as candidaturas valoraranse en función da nota media do expediente académico e unha memoria explicativa sobre a motivación dos solicitantes para realizar a práctica formativa e os resultados que pretende acadar.
Unha vez realizada a selección das e dos beneficiarios das bolsas, quen participen realizarán as prácticas formativas nas empresas do sector TIC seleccionadas como entidades colaboradoras por un período de 3 meses. Contarán cun plan de formación e recibirán asesoramento, orientación e dirección das persoas responsables das empresas do eido das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación, as bolsas teñen unha duración de 20 horas semanais e son remuneradas.
O alumnado non TIC xa pode solicitar prazas para facer prácticas en firmas tecnolóxicas
Compartir Este Artigo

