A semana pasada WhatsApp anunciou que ía limitar o número máximo de reenvíos simultáneos que podían facerse dende a súa aplicación para reducir a propagación de falsidades nun momento tan sensible como o actual, o que desencadeou un díxome que sostén que Facebook e WhatsApp están a dar poderes censores sobre as comunicacións dos seus usuarios a compañías como Newtral (que xa desmentiu tal canfurnada), o que provocou que finalmente tivesen que lanzar un comunicado oficial dende WhatsApp para clarificar os feitos.
Dende WhatsApp destacan que ata o momento tiñan limitados aos envíos simultáneos a 5, e que agora reducen globalmente ese límite a 1 (despois de telo compartido 5 veces), para evitar a propagación de mensaxes con información errónea, ou sexa, que non impiden compartir a información que cadaquén queira, senón que poñen atrancos á súa distribución masiva e sen criterio, dada a facilidade coa que pode realizarse un reenvío.
Tamén lembran que as comunicacións de WhatsApp están cifradas de extremo a extremo, ou sexa, que só o emisor e o receptor poden coñecer o seu contido, polo que nin sequera WhatsApp podería aplicar medidas censoras, xa que o contido compartido resúltalle descoñecido.
A única relación de WhatsApp e Facebook con compañías como Newtral ou Maldita é que estas entidades pertencen á Rede Internacional de Verificación de Contidos (IFCN) do Poynter Institute, coa que están a colaborar tanto economicamente (doaron recentemente 1 millón de dólares á entidade para loitar contra a desinformación relacionada coa COVID-19) e recomendando dende a súa sección de axuda recorrer a algún destes máis de 100 verificadores repartidos en máis de 45 países para poder comprobar se certas mensaxes sospeitosas son fieis á realidade.
Queren así deixar claro que WhatsApp só quere manter a súa plataforma o máis libre posible de mensaxes virais que poidan supor un risco para os usuarios ao divulgar falsidades, o que non ten ningunha relación coa censura que están a denunciar algúns individuos (entre os que non faltan políticos) que parecen ignorar o funcionamento básico de WhatsApp.
WhatsApp lanza un comunicado para negar a censura dentro da súa aplicación
Compartir Este Artigo
