O confinamento por mor da COVID-19 está a ter un importante impacto en plataformas sociais como Instagram, que vese obrigada a reacción incorporando numerosas novidades para manter o seu pulo e fidelizar aos seus usuarios, o que nos últimos días visibilizouse cunha renovación da aplicación de IGTV (plataforma de vídeos de longa duración coa vocación de converterse no YouTube dos vídeos en vertical) e coa potenciación da versión web de Instagram.
Mellorar as posibilidades de Instagram na web resulta moi acaído nun momento no que os usuarios están a realizar un consumo moi superior desta plataforma, polo que poden atopar interesante levar as súas sesións de visualización de vídeo a un ordenador persoal. Así, estes días incorporaron a posibilidade de enviar mensaxes directas a través da versión web de Instagram, e nas últimas horas introduciron algo moito máis importante: a posibilidade de ver e comentar os directos de Instagram dende a web.
Nas últimas semanas disparouse o número de directos de Instagram, e incluso puxéronse de moda os directos de dous usuarios á vez (o que en Galicia ten como máximo expoñente as retransmisións de Xosé Antonio Touriñán e David Perdomo), e aínda que Instagram limita a duración dos directos a unha hora, nalgúns casos chegan a encadearse varios directos seguidos, creando unha experiencia que para dispositivos móbiles pode resultar incómoda, de aí que moitos vaian agradecer poder trasladar a visualización a un ordenador portátil ou sobremesa.
En vista do éxito dos directos tamén están a preparar a posibilidade de que estes non só poidan gardarse a xeito de historias para estar dispoñibles durante 24 horas tras a súa emisión, senón que sexa posible transformalos en contidos de IGTV, manténdose de xeito indefinido na plataforma, o que permitiría que os directos non fosen contido efémero, atendendo así a unha demanda crecente dos creadores de contidos que cada vez apostan máis por Instagram para achegarse aos seus seareiros.
Os directos de Instagram poden verse e comentarse vía web
Compartir Este Artigo
