Tras un adiamento por mor das revoltas raciais nos EE.UU., por fin é oficial a versión Beta de Android 11, que permite comprobar as novidades que incluirá este ano a vindeira versión de Android, así como detectar fallos e realizar achegas que permitirán mellorar o sistema operativo móbil antes do seu lanzamento oficial.
Entres as novas funcionalidades destaca especialmente a unificación das conversas de múltiples aplicacións de mensaxería nun espazo exclusivo na sección de notificacións, sendo tamén posible sinalar unha conversa como favorita para darlle preferenza e que se amosarán sempre en pantalla incluso co modo de Non Molestar activado. Android 11 tamén inclúe burbullas, algo que xa empregaban algunhas aplicacións para representar as conversas, pero que agora poderá usar calquera aplicación de mensaxería.
Android 11 adopta unha especie de centro de control para acceder e manexar de xeito áxil todos os trebellos conectados que teñamos no faogar.
No que respecta á reprodución multimedia, farase máis doado mudar de dispositivo durante a reprodución de audio ou vídeo. Tamén será máis doado reproducir música en todas partes (auriculares, altofalantes, televisor…).
A nova versión de Android mellora os controis de privacidade e seguridade, de xeito que será posible conceder permisos únicos, ou sexa, que haxa que autorizar cada vez que unha aplicación quere acceder ao micrófono, a cámara ou a localización. Amais, se unha aplicación non se emprega durante un período de tempo restableceranse automaticamente todos os permisos asociados (de xeito que o usuario poderá volver a outorgar os permisos a seguindo ocasión que abra a aplicación).
Android 11 estrea versión de proba
Compartir Este Artigo
