A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) presentará esta semana, o xoves 30, os detalles dun programa directamente encamiñado a mergullar ás nosas empresas nas vantaxes e utilidades das ferramentas tecnolóxicas, tan relevantes para facilitar cousas como o teletraballo, a optimización, a busca de novos mercados, a eficacia na xestión ou a procura de máis clientes e usuarios. Estamos a falar do programa formativo AceleraTech, impulsando a transición dixital, que se comezará en outubro. Diríxese a pequenas e medianas empresas da nosa terra.
Como dixemos, as sesións desenvolveranse a partir de outubro en colaboración coa IESIDE. O programa abrangue diferentes xornadas formativas e prácticas específicas para persoal directivo e xerentes de empresas galegas.
A presentación de AceleraTech celebrarase o vindeiro 30 de xullo cunha xornada en streaming, e nela realizarase unha exposición do programa así como unha aproximación a unha das tecnoloxías que se van abordar neste, o blockchain (cadea de bloques), un dos grandes recursos dos que poden comezar a botar as nosas empresas co fin de subir chanzos en seguridade e fiabilidade.
Para asistir á xornada de presentación de AceleraTech é preciso inscribirse a través da páxina web do CDTIC. Tamén se pode formalizar mediante o correo cdtic@xunta.gal ou no teléfono 881 995 200.
O programa desenvolverase a partir de outubro e estenderase ao longo de cinco sesións formativas e un obradoiro final. As temáticas das sesións versarán sobre os seguintes aspectos: A competencia na era dos negocios dixitais; Big Data, Ciencia dos Datos, Intelixencia Artificial, Internet das Cousas (IoT), 5G, Blockchain, ciberseguridade, transformación dixital das pemes, etc.
AMTEGA organiza este xoves unha xornada sobre AceleraTech, o seu programa para mergullar as nosas pemes nas TIC
Compartir Este Artigo

