As axudas INOU 2020 da Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense van impulsar catro proxectos innovadores nesta nova convocatoria: unha proposta para contribuír á reputación online do enoturismo ourensán, unha achega para interpretar a pintura rupestre esquemática da comarca de Monterrei, un proxecto para a análise e prevención de condutas aditivas e de risco nas redes sociais e máis unha contribución para o aproveitamento de restos de podas de vide.
Estas son as temáticas dos catro proxectos financiados a través da convocatoria de axudas a grupos de investigación do Campus de Ourense INOU 2020, financiada pola Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense.
A convocatoria, dotada con 45.000 euros en total, pretende, tal e como recollen as súas bases, apoiar investigacións que contribúan ao desenvolvemento social e económico da provincia de Ourense e ao coñecemento da súa realidade, así como á especialización do Campus como Campus da Auga.
O proxecto coordinado máis amplo que financia esta convocatoria leva por título ORDEn: Oferta e Reputación Dixital do Enoturismo Ourensán e conta coa participación de persoal docente e investigador da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e da Escola Superior de Enxeñaría Informática. O seu desenvolvemento artellarase en tres subproxectos, un centrado na diagnose do nivel de congruencia na oferta enoturística da provincia de Ourense, que desenvolverá María Lorena Rodríguez, coordinadora do proxecto; outro adicado á extracción e pre-procesamento de opinións sobre o sector enoturístico nesta provincia, que levará a cabo María Reyes Pavón, e un último de análise e modelaxe de opinións sobre o sector enoturístico ourensán, a cargo de Manuel Alfredo Mosquera.
Outra das iniciativas que financiará esta convocatoria é o Proxecto PRE-Media: Interpretación Patrimonial de Sitios con Pintura Rupestre Esquemática da Comarca de Monterrei. Nel, a investigadora do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio Beatriz Comendador traballará na creación dunha contorna virtual para a interpretación patrimonial de sitios con pintura rupestre esquemática desta comarca e a antropóloga Fátima Braña realizará o estudo etnográfico do sitio con arte rupestre de Penedo Gordo e análise de satisfacción da difusión.
O aproveitamento e valorización de residuos procedentes do agro na provincia de Ourense, concretamente o emprego de restos de podas de vide para a obtención de produtos de valor engadido, é o obxecto de estudo doutro dos proxectos financiados. Nel a investigadora Sandra Rivas traballará arredor do aproveitamento e valorización de restos de podas de vide para a obtención de “compostos de base”, útiles para a síntese de produtos químicos de interese industrial e biocombustibles, e Beatriz Gullón adicarase á recuperación de compostos bioactivos procedentes de podas de vide mediante o uso de disolventes intelixentes.
Un cuarto proxecto leva por título DIXITOU: Análise e Prevención de Condutas Aditivas e de Risco nas Redes Sociais. Intervención para o Uso Seguro de cara ao Benestar Dixital e nel conflúe persoal docente e investigador dos centros de Ciencias da Educación e Traballo Social e Enxeñaría Informática. Rubén González afondará na análise de condutas de risco nestas contornas e a influencia sobre a saúde do alumnado ourensán e María Encarnación González desenvolverá unha aplicación dixital para concienciar ao alumnado ourensán do uso das redes sociais.
As TIC ao servizo dos sectores tradicionais ourensáns centran os proxectos impulsados polas axudas INOU 2020
Compartir Este Artigo

