A Consellería do Mar vén activar unha aplicación móbil, a ferramenta Percegurú, para facilitar o traballo do noso colectivo percebeiro e incrementar as condicións de seguridade nas que desenvolven o seu labor. En concreto, facilítalles información, a calquera hora do día, sobre as condicións do mar e climáticas que teñen en cada zona onde se explota este marisco. Segundo fixo saber a Consellería, o obxectivo é permitir ás percebeiras e percebeiros orientar o seu traballo e axudalos na toma de decisións para aumentar a súa seguridade no mar.
Esta ferramenta súmase á aplicación do mesmo nome que existe en formato web desde o ano 2012 e á que se pode acceder dende a ligazón dos mapas de INTECMAR. Esta opción web foi actualizada no 2018, mellorándose a súa resolución, ampliándose os graos de risco de actividade por zona de traballo -había tres e engadiuse un máis- pasándose a actualizar a información automaticamente, sen interrupción na fin de semana.
“Coa aplicación Percegurú”, engade a Consellería, “calquera percebeiro pode coñecer con tres días de antelación e dunha maneira sinxela información da ondada nas zonas de extracción de percebe, o horario local das mareas; cal vai ser a temperatura ambiente e da auga coa que se van atopar; con que intensidade e en que dirección van soprar os ventos; cal é a forza e o estado do mar e tamén a dirección, frecuencia e altura das ondas”.
Toda a información de predición xérase de forma automática a partir de modelos numéricos e estatísticos de predición meteorolóxica mantidos por MeteoGalicia e o seu postprocesado e visualización é realizado polo Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (INTECMAR).
A descarga da app Percegurú, que xa está dispoñible no caso dos dispositivos con sistema operativo Android e que se está ultimando para o caso dos iOS, é sinxela e totalmente gratuíta.
A orixe de Percegurú está na aplicación web que naceu no 2012 froito do traballo conxunto entre o INTECMAR e MeteoGalicia, sendo a aplicación creada ao abeiro do proxecto europeo MarRISK enmarcado no Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP).
Mar lanza a súa aplicación para os percebeiros en formato app
Compartir Este Artigo

