Levamos meses vendo como Facebook está a forzar a integración das súas plataformas sociais, no que semella unha estratexia para impedir que os reguladores de distintos países soliciten a súa segregación por mor da posición dominante que está a ostentar a compañía de Mark Zuckerberg no sector da mensaxería e das redes sociais, e a última novidade ao respecto achégana dende The Verge, medio que puido comprobar que están a probar a fusión da mensaxería de Instagram e Messenger.
Varios usuarios terían visto como a súa aplicación de Instagram (en iOS e Android) recibía un aviso informado dun novo sistema de mensaxería que achegaba unha nova interface, máis reaccións mediante emoticonas, a posibilidade de responder mensaxes deslizando o dedo sobre as mensas e un cambio substancial: chatear con amigos que usen Facebook. Os usuarios que acepten participar na proba desta nova funcionalidade ven como en Instagram a icona do avión de papel que representa á mensaxería directa da aplicación vese substituída pola icona do Messenger de Facebook, aínda que polo momento a integración dos chats non estaría totalmente operativa.
Estamos ante un paso máis na dirección para integrar Messenger, Instagram e WhatsApp, obxectivo que aínda non se sabe se poderán acadar algún día, especialmente por mor do caso de WhatsApp, que non só é problemático tecnicamente, senón que legalmente pode atopar moitos atrancos, xa que cando Facebook adquiriu WhatsApp no seu día non só se comprometeu en non fusionar o servizo con Facebook, senón que a compañía chegou a asegurar que tal fusión sería imposible.
Facebook comeza a integrar o seu Messenger en Instagram
Compartir Este Artigo
