A empresa galega Cinfo deu a coñecer este verán un novo e relevante proxecto que atinxe directamente ao seu sistema Tiivii, a súa tecnoloxía accesible destinada á produción de eventos na nube asistida con Intelixencia Artificial. O seu produto Tiivii está na base dun programa de automatización desenvolvido polo RC Celta e máis LaLiga, que inclúe a habilitación da tecnoloxía nos campos de adestramento da Madroa e que poderá trasladarse á nova cidade deportiva e ás salas de prensa do club vigués para, en palabras de Cinfo, “crear contido que poida ser gravado, reproducido e editado na nube de forma autómata, sen necesidade de que ningunha persoa se desprace ás instalacións do RC Celta”.
Desta forma, explica a empresa galega, os seareiros do club poderán ver os partidos da canteira en tempo real ou a demanda, podendo os xornalistas asistir de forma virtual a todas as roldas de prensa que o club ofreza, así como acceder a ese contido sempre que queiran. “Este proxecto permítenos dar un chimpo de calidade en materia de innovación e tecnoloxía e ofrecer un contido diferencial tanto a nivel interno, para facer un maior seguimento dos xogadores, como a nivel externo, para facilitar o acceso aos medios ás nosas roldas de prensa”, explicou a finais de agosto Carlos Salvador, director comercial do RC Celta, quen destacou tamén as posibilidades que Tiivii ofrece para combinar produción con Intelixencia Artificial e detectar persoas, obxectos e clasificar escenas en tempo real, algo que poderá ser utilizado polo RC Celta para seguir de preto a evolución de cada xogador nos seus adestramentos ou partidos.
O Celta subirá contidos á nube de xeito automático grazas á tecnoloxía de Cinfo
Compartir Este Artigo

