Dende hai anos a revista Fortune elabora unha listaxe das 40 persoas novas (de menos de 40 anos) pola súa influencia no mundo da empresa, recollendo así toda unha sorte de figuras a reivindicar que poden ser dende innovadores ata artistas. Así, podiamos ver a unha celebridade como Kylie Jenner grazas a emprender no mundo das cosmética conseguiu entrar no mesmo saco que os fundadores de Instagram, Facebook e TikTok ou de creadores como Jordan Peele e Donald Glover.
Pero 2020 está a ser un ano atípico, e por iso dende Fortune quixeron remodelar esta listaxe cos 40 de menos de 40 e multiplicala en 5 categorías (finanzas, tecnoloxías, saúde, política e medios e entretemento) de xeito que realmente estamos ante un total de 200 figuras influentes, pois a crise sanitaria mundial levounos a unha situación na que hai moitos proxectos e iniciativas que salientar.
No caso do sector tecnolóxico entenden que estamos ante un eido que está a resultar crucial na pandemia, axudando á xente a comunicarse, e tamén agrupando esforzos para loitar contra a COVID-19, e entre as 40 figuras mozas destacadas non podemos deixar de mencionar á galega Carmela Troncoso, a quen debemos o deseño dun sistema descentralizado e respectuoso coa privacidade de rastrexo de proximidade (DP-3T), unha solución que empregaría os smartphones como un xeito de facer un seguimento das persoas que temos preto durante os últimos días para facilitar o seu rastrexo no caso de que algunha das persoas de positivo por coronavirus, para así poder alertar a estes contactos e mitigar o espallamento do coronavirus. Precisamente esta idea é na que se baseou a solución artellada por Apple e Google, que actualmente está a empregarse coa aplicación Radar COVID que nun par de semanas debería estar en funcionamento en case todo o territorio español.
Se finalmente este tipo de ferramentas tecnolóxicas contribúen a frear a pandemia globalmente quedará claro que a escolla dunha enxeñeira de telecomunicacións galega para a listaxe 40 under 40 de 2020 pola súa influencia foi todo un acerto, aínda que o mero feito de o desenvolvemento desta tecnoloxía fomentase o debate sobre a protección da privacidade ao tratar datos sanitarios xa xustificaría sobradamente a súa influencia a nivel global.
Carmela Troncoso recoñecida como unha das tecnólogas máis influentes do ano
Compartir Este Artigo
