O Goberno galego, a través do IGAPE e da Axencia Galega de Innovación (GAIN), abriu a segunda convocatoria do Programa Re-acciona Innovación. Trátase dunha iniciativa que inclúe axudas para contratar servizos de desenvolvemento estratéxico, profesionalización, innovación e dixitalización por parte de empresas galegas. Este ano incorpora como novidade tres novos servizos de apoio dentro da carteira de innovación: Deseño e lanzamento de produtos e servizos innovadores, Protección da innovación e Asesoramento para o financiamento da innovación. O prazo de solicitude pecha o vindeiro 17 de setembro.
A través de empresas fornecedoras de servizos especializadas, as pemes galegas poderán desenvolver proxectos de mellora en distintos ámbitos. Nesta edición, GAIN colabora co IGAPE, entidade xestora do programa, en poñer a disposición das empresas galegas tres novos servizos de apoio:
· Deseño e lanzamento de produtos e servizos innovadores
Dirixido á implantación de metodoloxías de deseño para a xestión estratéxica do mesmo, co obxectivo de desenvolver novos produtos, novos servizos e novos procesos de negocio nas pemes galegas, a través do uso de metodoloxías de deseño estratéxico.
· Protección da innovación
Encamiñado á protección da propiedade industrial en Galicia, tanto a nivel nacional como internacional, para garantir a plena explotación dos resultados das nosas innovacións mediante a protección das innovacións técnicas (invencións) e as creacións de forma (deseños industriais).
· Asesoramento para o financiamento da innovación
Concibido para establecer unha estratexia para á obtención de financiamento para as súas actividades de I+D+i, en especial a través do sistema estatal e autonómico de incentivos fiscais. A dita estratexia formalizarase nun Plan de financiamento da I+D+i, cun foco amplo que abarca os diferentes instrumentos de apoio á innovación.
O IGAPE e GAIN abre a segunda convocatoria de Re-acciona Innovación
Compartir Este Artigo

