Un grupo de investigación da Universidade de Santiago, o grupo GAME-IDEGA, traballa no empurrón definitivo dun novo programa formativo europeo baseado nunha das tecnoloxías de meirande proxección actual para o eido da ciberseguridade: a tecnoloxía de cadea de bloques, coñecida en inglés como blockchain. A iniciativa chámase DLT4All e trátase dun proxecto formativo aberto e de balde.
“O obxectivo principal que perseguimos é crear un programa de ensino universitario baseado no blockchain que posibilite impartir formación de alta calidade neste eido, tanto na USC como noutras universidades europeas”, salienta Manuel Fernández Grela, investigador principal da iniciativa, que é tamén profesor do Departamento de Fundamentos da Análise Económica da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC.
Segundo explica poñendo en situación ás persoas interesadas, blockchain é “unha tecnoloxía que permite a transferencia de datos dixitais cunha codificación moi sofisticada e dunha maneira completamente segura, unha transferencia que non precisa de intermediarios centralizados que identifiquen e certifiquen a información, senón que está distribuída en múltiples nodos independentes entre si que a rexistran e valídana sen necesidade de que haxa confianza entre eles”.
Os programas piloto do proxecto DLT4All consistirán en cursos breves, desenvolvendo cada un dous ou tres módulos de aprendizaxe dos nove que compoñen o programa, coa participación dun número reducido de estudantes.
Serán catro programas piloto a celebrar na segunda metade deste mes de setembro, en Chipre, España, Grecia e Italia. A USC colaborará coa Universidade de Nicosia e a consultaría Insomnia, con sede en Valencia, no curso Blockchain fundamentals: encryption and consensus, que se vai desenvolver entre os días 21 e 25 de setembro.
Este curso gratuíto e en aberto, pero cun límite máximo de doce participantes, será impartido de xeito totalmente en liña e en lingua inglesa.
Xornada de difusión e formación
Como antecedente directo desta liña de actividade, lembrar que no pasado mes de xullo celebrouse de xeito virtual o seminario A formación en blockchain: o futuro xa está aquí coa finalidade de presentar o currículo elaborado por DLT4All e os casos de estudo asociados ao programa, así como promover e proporcionar información sobre os diferentes cursos piloto. Esta actividade, na que participaron preto de 30 persoas, serviu tamén para coñecer casos de uso da tecnoloxía relacionados coa rastrexabilidade dos produtos nas cadeas de valor.
As posibilidades do blockchain, ao detalle nun programa formativo impulsado por GAME-IDEGA
Compartir Este Artigo

