A startup tecnolóxica Hack A Boss, escola de programación da nosa terra, vai celebrar en decembro, os días 10 e 17 en dous emprazamentos xeográficos diferentes, o seu Open Day, unha iniciativa de intercambio de coñecemento, divulgación e demostración á que están convidadas as persoas con interese en coñecer o traballo deste centro formativo. Contarase coa presenza de parte das máis de 70 empresas colaboradoras da startup, que, segundo informa a escola de programación, “conforman un segmento importante do tecido TIC galego”. No Open Day tamén participarán integrantes da propia escola Hack A Boss.
Os eventos terán lugar o próximo 10 de decembro nas oficinas de Hack A Boss, na Coruña, ás 19.00 horas, e o 17 de decembro na iVigo Business School ás 18.00 horas. Ambas citas contarán coa presenza do CEO e fundador da compañía, Pablo Rodríguez, quen relatará de primeira man cal é a situación actual do sector tecnolóxico na conferencia COVID-19 e o futuro do sector TIC.
A través deste tipo de accións, a escola galega de programación trata de mostrar “cal é o ambiente real que se respira durante o bootcamp”, un ambiente de espírito techie e informal que lembra ás startups de orixe estadounidense.
A escola engade que todos os asistentes recibirán un detalle e, no caso de que non poidan asistir de forma presencial, poderán vivilo vía streaming para que “ninguén perda a ocasión”.
Amais, aplicaranse estritas e rigorosas medidas de seguridade sanitaria.
Hack A Boss é unha escola galega especializada en formar talento tecnolóxico fundada en 2018 cunha visión centrada en preparar á vindeira xeración de programadoras e programadores full stack. O seu propósito é facilitar a transformación tecnolóxica das empresas de diferentes industrias e a adaptación á tecnoloxía de todo tipo de persoas tendo en conta as metodoloxías, ferramentas, proxectos e competencias necesarias.
A escola tecnolóxica Hack A Boss mostra o seu traballo na Coruña e en Vigo
Compartir Este Artigo

