Este xoves 3 de decembrou celebrouse a segunda edición dunha xornada de traballo directamente encamiñada a derrubar desigualdades e muros discriminatorios no ámbito tecnolóxico: o workshop Sociedade dixital e xénero. Hackeando o patriarcado organizado no marco da Cátedra de Feminismos 4.0 en formato virtual, unha iniciativa da Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra. Participaron mulleres expertas en economía dixital e TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), xuntando forzas, na compaña do elevado número de participantes online, para erguer “a bandeira violenta fronte aos machitroles do mundo dixital”.
O acto de apertura comezou coa condena conxunta polo asasinato machista dunha veciña de Gondomar na xornada previa. A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, amosaba o seu “rexeitamento e indignación” e lembraba que son 42 as mulleres asasinadas no que vai de ano e 1.075 dende que hai rexistros. O reitor da Universidade, pola súa banda, denunciou que unha sociedade que “non é quen de protexer á metade da súa poboación é unha sociedade enferma”.
Carmela Silva, xunto con Manuel Reigosa, como representantes das entidades impulsoras da Cátedra de Feminismos 4.0, foron os encargados de inaugurar a xornada e alertaron de que “queda moito por facer para acadar unha igualdade real”. Silva alertaba sobre as “novas formas de exercer violencia sobre a mulleres” que aparecen no mundo dixital e referiuse a un estudo da ONG Plan Internacional que sostén que o 60% de nenas e adolescentes sofren acoso en liña. Delas, o 25% delas sinte que está en perigo físico como resultado dese acoso; o 42% manifesta ter perdido a confianza a raíz do acoso e unha de cada dúas sinte que o acoso en Internet é mais forte que o que sofren na rúa.
A xornada abriuse coa intervención da xornalista Montserrat Boix sobre sexismo e desinformación nos novos escenarios dixitais. Boix traballa dende 1986 nos servizos informativos de TVE, na sección Internacional, ademais de dar clase en mestrados universitarios en igualdade, tecnoloxías, comunicación e desenvolvemento con perspectiva de xénero. En 1996 creou Mujeres en Red, xornal dixital feminista e ten sido recoñecida con diversos premios polo seu traballo a favor dun xornalismo máis igualitario.
Boix comezou deste xeito: “Non estamos hackeando ao patriarcado, en realidade o sistema patriarcal está hackeando ás mulleres e ao feminismo porque baixamos a garda”. Segundo a xornalista “non somos capaces de protexernos e unha das nosas vulnerabilidades son as emocións e os sentimentos, porque tiramos de vivencias individuais e isto fai que perdamos a perspectiva do colectivo que tiñamos hai 15 ou 20 anos”. Dende o seu punto de vista, o feminismo cría que as novas tecnoloxías podían axudar a que se escoitase a voz das mulleres pero, lonxe diso, o que se produciu foi unha “democratización da desinformación”.
Boix fixo un chamamento para “seguir poñendo en valor o coñecemento colectivo e libre, temos que aprender a defendernos do ciberacoso contra as feministas, de insultos, noticias falsas, ameazas, intimidacións, etc. Non podemos esperar a que nos maten para tomar medidas, temos que establecer mecanismos para defendernos e esixir unha resposta contundente da xustiza”.
Tras a conferencia de apertura foi a quenda da catedrática da UVigo Coral del Río que se centrou nas diferencias entre homes e mulleres no mercado laboral. Segundo explicou, a fenda salarial vai en aumento a partires do nacemento do primeiro fillo ou filla no seo dunha parella heterosexual, o que representa unha especie de “imposto á maternidade” que ten que ver máis con factores culturais que naturais.
A xornada de mañá completouse coa intervención da enxeñeira Ana Freire sobre estereotipos de xénero vencellados aos estudos científico-tecnolóxicos e unha mesa redonda sobre a fenda dixital e as nova formas de fascismo. Pola tarde celebrouse un wikimaratón feminista para xerar biografías de mulleres e poñer en valor o seu traballo e un obradoiro virtual para combater machitroles, que achegou ferramentas para dar respostas aos comentarios machistas e misóxinos nas redes.
A nova xornada Hackeando o patriarcado fai un chamamento a defender ás mulleres do ciberacoso
Compartir Este Artigo

