A firma CO2 Smart Tech, empresa tecnolóxica galega con sede en Pontevedra (Bueu) e A Coruña (Oleiros), vén de facer balance dos seus fitos en materia de innovación e, máis concretamente, no ámbito dos sistemas de monitoraxe industrial e enerxética. Segundo compartiron fontes da firma, esta vén de implantar as súas tecnoloxías de xestión en máis de 250 instalacións a nivel nacional e internacional (EE UU, Mexico, Alemaña, Reino Unido, Corea do Sur, Arxentina) dos máis variados sectores (alimentación, madeira, packaging, motor, envasado, conservas, frío industrial, produción eólica ou fotovoltaica, xestión de inmóbeis, etc).
En concreto, están presentes en empresas de referencia como Pescanova, Conservas Isabel, Grupo COPO, FINSA, CIE Galfor, Showa Denko (antiga SGL Carbon), Fandicosta, Clavo Food Factory, Leche Celta ou Naturleite, entre outras.
A empresa salienta os importantes froitos acadados polos usuarios de solucións saídas do seu seo, como CO2ST-TEM ou WI-TEM, froitos entre os que se atopan melloras relevantes na supervisión, o control e a xestión das instalacións e os procesos produtivos; notables incrementos en produtividade ou, tamén, un claro fortalecemento do compromiso polo sustentable. “Dende CO2 Smart Tech levamos máis de 10 anos apostando pola tecnoloxía como panca de transformación para as organizacións a nivel industrial, xogando un papel fundamental nos procesos de dixitalización das empresas”, sinala a empresa no seu balance.
Tecnoloxía CO2ST-TEM
O sistema de monitoraxe industrial CO2ST-TEM é unha ferramenta innovadora (dispoñible para computadores e para smartphones e tabletas con sistema operativo Android) de optimización enerxética e técnica de instalacións que permite, entre outras cousas, que só contando cun dispositivo conectado a Internet, teñamos acceso permanente a avanzados recursos de visualización, análise e control de calquera instalación.
CO2 Smart Tech implanta os seus sistemas de monitoraxe industrial en máis de 250 instalacións
Compartir Este Artigo
