A Concellería de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra e a Área de Normalización Lingüística da UVigo xuntaron forzas para impulsar o galego entre a comunidade de estudantes do Campus a través de actividades dixitais e virtuais. Farano a través do proxecto Falamos, que ten web de seu e que vén con relevantes ramificacións nas redes sociais, por exemplo en Instagram, onde se vai desenvolver un ciclo de conversas virtuais e encontros. Contarase, entre outras, coa presenza dunha das creadoras de videoxogos máis referenciais do panorama actual: a galega Dháunae de Vir.
A estas iniciativas engádense, os vindeiros meses, as novas edicións do voluntariado lingüístico, o club de lectura e o cinefórum. Por mor da situación sanitaria, todas as actividades levaranse a cabo de xeito virtual, coa excepción das novas proxeccións do cinefórum, previstas para o mes de maio.
Con 177 inscritos e inscritas ata o de agora, este programa busca “potenciar o uso do galego como lingua de socialización do alumnado do campus”, co propósito de reverter datos como os recollidos nun estudo realizado pola Universidade en 2018, que sinalaba que só o 18% do alumnado do campus definíase como monolingüe en galego.
“Nas circunstancias actuais”, sinalou o director da Área de Normalización Lingüística (ANL) da Universidade, Fernando Ramallo, tanto a posta en marcha deste proxecto no mes de outubro, como a organización desta segunda quenda de actividades constitúen “un desafío relevante”, xa que a situación provocada pola COVID-19 obrigou a converter en virtuais unha serie de iniciativas concibidas inicialmente para desenvolverse de xeito presencial.
Pola súa banda, o concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, puxo o foco en que “as novas actividades de Falamos xorden do diálogo coas participantes” e, neste sentido, indica que “é un programa vivo que quere adaptarse á demanda pra entrar en todas os eidos que sexa posible”.
Conversas e encontros na Rede
As conversas e os encontros no Instragram son as dúas novidades que o programa incorpora para estes meses. As primeiras preséntanse como “espazos para participar en grupo falando sobre temas de interese para a comunidade de Falamos”, que se desenvolverán unha vez ao mes, polo de agora de xeito virtual. A primeira cita terá lugar o 23 de febreiro e, baixo o título de E ti como ves a cuestión da lingua en Galicia? e será moderada por Ramallo.
O 17 de marzo, a axente musical Patricia Hermida conducirá un coloquio titulado Pódese vivir da creatividade? Imaxina a túa carreira profesional; mentres que o 15 de abril, o concelleiro de Normalización Lingüística e Xuventude, Alberto Oubiña, presentará Galiza 2050, cara onde imos? Por último, o 27 de abril, a creadora de videoxogos Dháunae de Vir moderará unha conversa titulada Pódese traballar en Galicia? Traballar aquí ou saír fóra.
Por outra banda, os Encontros no Instagram estarán dirixidos a “incentivar que a mocidade use a lingua nas redes sociais”, destacan desde a organización. Estes encontros virtuais con “persoas de referencia para a mocidade universitaria” levaranse a cabo no mes de marzo. e os inscritos e inscritas poden xa presentar as súas propostas para a esta actividade.
Pontevedra achega unha manchea de accións virtuais para mergullar á mocidade no galego
Compartir Este Artigo
