A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Santiago vén de pór en marcha dúas destacadas iniciativas tecnolóxicas: unha páxina web que pon en valor o traballo da entidade e unha aplicación interna que mellora a súa organización (facilitando e axilizando a xestión dos dispositivos, entre outras funcións). Os responsables destas dúas novidades acabadas de estrear foron dous voluntarios da agrupación, Diego Barreiro e Patricia Otero, enxeñeiros informáticos de formación. Presentáronas en rolda de prensa, acompañados polo concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños.
A agrupación de voluntarios de Protección Civil de Santiago conta cunha nova páxina web na que se pode atopar “múltiple información sobre a propia agrupación e sobre as actividades que desempeña ao longo do ano, os tipos de intervención na que participan ou os recursos dos que dispoñen”, explicaron.
Gonzalo Muiños agradeceu a Diego Barreiro e a Patricia Otero o labor realizado, “de xeito voluntario e altruísta”, que “”axiliza enormemente o traballo da agrupación e facilita a distribución dos voluntarios”. E engadiu: “Para min é un auténtico luxo e é un orgullo ser o responsable deste servizo que pon á disposición dos demais o seu tempo e colabora en todo aquilo para o que se lles require”.
A nova web conta tamén cun apartado de comunicación, onde se poden visualizar as imaxes de diferentes operativos e dende onde se poden descargar en formato PDF as memorias anuais de anos anteriores con todo o detalle dos operativos levados a cabo.
Ademais da web dispoñible para a cidadanía, as voluntarias e voluntarios de Protección Civil teñen acceso a unha aplicación interna de xestión onde, previa autenticación con usuario e contrasinal, pode consultar os operativos. Deste xeito, cada voluntario poderá ver todos os operativos que están activos nese intre e apuntarse aos que queira segundo a súa dispoñibilidade. Na páxina principal pode ver un listado con todos eles así como o seu estado (aberto a novas inscricións ou xa co tope de voluntarios cuberto), e a hora na que hai que estar en base. Para máis datos pódese pinchar en cada un deles e ver todos os detalles do mesmo.
Na rolda salientouse que “tanto a xefa da agrupación coma o secretario teñen permisos especiais para poder dar de alta novos operativos ou modificar os existentes, chegando avisos telefónicos a través de Telegram a todos os voluntarios”.
Asemade, asignan a coordinación dos operativos e revisan os informes.
Conta ademais cun apartado de xestión de vehículos, no que se poden ver todos aqueles que están dados de alta actualmente na agrupación.
Protección Civil de Santiago estrea páxina web e unha aplicación interna
Compartir Este Artigo
