O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, anunciou a través dunha vídeo-conferencia a incorporación dun novo obradoiro formativo ao programa Aula GaliciaAberta dedicado á lingua e cultura galega.
A iniciativa recollerá un total de 25 obradoiros, serán impartidos por Reverso Comunicación e emitiranse a través do Facebook Live de Galicia Aberta, os luns e xoves de 20 a 21 horas dende o próximo 18 de febreiro ata o 13 de maio.
Os obradoiros teñen un estilo de docencia propio e interesante. Por un lado, comezarase cunha exposición inicial de 60 minutos sobre diferentes temas que permitirán avanzar no idioma galego a través da presentación, descrición de persoas, dos lugares, de escenas do pasado, de lendas, de oficios, de celebracións… Para finalizar, o docente responderá ás cuestión que os alumnos vaian trasladando a través da propia plataforma de Facebook.
Todos os interesados poderán ver en directo a presentación dos obradoiro, mais os que non teñan esa posibilidade poderán visualizalo posteriormente nas redes sociais da Secretaría Xeral da Emigración, e mesmo na súa web institucional.
Durante a conferencia que serviu como anuncio desta nova, o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, destacou a importancia que ten a cultura galega “que sempre ocupou un lugar relevante nas comunidades galegas por todo o mundo”. Ademais explicou que “grazas á comunidade galega do exterior, que deu pulo á creación da Real Academia Galega en 1906, a nosa lingua iniciou o camiño cara á modernidade e mantivo activa a proxección de Galicia no mundo”.
Emigración impulsa en Facebook un novo obradoiro de lingua e cultura galega
Compartir Este Artigo

