O mercado en liña PonteAbastos.com, impulsado dende Pontevedra polo emprendedor Jorge Eyo (en colaboración coa Concellería de Promoción Económica e a plataforma #PonteLovers) veu este mes de marzo con importantes novidades que sumar ao seu cometido principal: ofertar servizo na Rede para a entrega a domicilio de produtos do Mercado de Abastos. En concreto, ampliou a súa oferta con seccións de Floraría, Panadaría, Conservas e Queixaría. Amais, está ampliando as súas ramificacións no mercado estatal.
Segundo informou o Concello, a calidade dos artigos á venda nas instalacións da rúa Serra e a coordinación con provedores loxísticos que permiten entregar mercadorías na outra punta do país en menos de 24 horas, fixeron que, xa dende o pasado Nadal, a web envíe peixes, mariscos e carne a clientes de toda a Península, en especial de Madrid, e xa conte cunha opción de envíos a toda España (agás ás illas).
Segundo explica Jorge Eyo, “algúns dos clientes aos que lles mandamos os produtos son fillos ou familiares de veciños de Pontevedra que viven fóra e que ata o de agora pagaban demasiados cartos e perdían moito tempo en facer eses envíos a domicilio”. Ao respecto do devandito, o empresario engade que “nestes meses temos desenvolvido a venda a través do teléfono, tanto por Whatsapp como por chamada telefónica, a través de 628 387 963, e nalgúns casos mesmo efectuamos vídeo-chamadas para que o propio cliente poida ver exactamente que está mercando”.
Pola súa banda, a Concellaría de Promoción Económica lembrou que ao abeiro da oferta de PonteAbastos “inclúese a posibilidade de cocer os mariscos, o que ademais de ser moi cómodo para os clientes, xera sinerxías dentro do propio Mercado, ao implicar dentro da plataforma a un dos bares existentes no espazo gastronómico”. A edil Yoya Blanco tamén salienta que o marketplace ampliou a súa lista de servizos “con novas seccións de Floraría, Panadaría, Conservas e Queixería, e en breve disporá dunha Produtos Ecolóxicos de Hortasan”.
O marketplace pontevedrés Ponteabastos.com amplía mercados e seccións
Compartir Este Artigo
