Durante os últimos anos os móbiles incorporaron cada vez pantallas máis grandes, pero existía unha corrente de opinión que apuntaba á demanda de smartphones de grande potencia e tamaño contido, que podería ter provocado que ao ver a luz os novos iPhone 12, iPhone 12 Pro e iPhone 12 Pro Max con pantallas de 6,1 e 6,7 polgadas, estivesen acompañados por iPhone 12 mini con pantalla de 5,4 polgadas, pero a realidade está a demostrar que a demanda dos móbiles con pantallas pequenas non é tan elevada como se esperaba, e dende Nikkei apuntan a que Apple estaría a reducir a produción do iPhone 12 mini máis dun 70%.
Realmente Apple vai reducir a produción de todos os iPhone, xa que estiman que durante os vindeiros meses venderase menos que a finais de 2020 (na liña do que acontece case todos os anos), pero no caso do modelo pequeno demostrouse que as previsións foran demasiado optimistas e, mentres o iPhone 12 mini vendeu moito menos do previsto, o iPhone 12 está a ter boas vendas, o que parece responder principalmente ao feito de que o iPhone 12 mini ten unha batería demasiado cativa, de xeito que a súa autonomía non é dabondo para o usuario medio, afeito xa a non ter que cargar o móbil antes de rematar a xornada. En definitiva, que o iPhone 12 mini é só lixeiramente máis barato que o resto de móbiles de Apple, pero ofrece unha experiencia de uso moi inferior, polo que é un produto que non compensa agás que sexamos usuarios que valoremos enormemente as bondades dun terminal de dimensións reducidas.
Esta situación podería facer repensar a estratexia do iPhone en 3 tamaños distintos, xa que o mercado está a amosar unha vez máis a súa preferencia polas pantallas de grande tamaño e polas baterías xenerosas que permitan non ter que precuparse de se o móbil vai chegar ata o remate do día.
Apple reduce drasticamente a produción do iPhone 12 mini
Compartir Este Artigo
