Como cada ano, os Premios Mestre Mateo (edición 19), celebrados este sábado no Teatro Colón da Coruña, tamén tiveron vertente tecnolóxica. Esta veu dada polo Premio á Mellor Serie Web que entrega, coma o resto dos galardóns, a Academia Galega do Audiovisual, e que este ano foi dar á Xan, de Lucía Estévez e Miguel Canalejo.
Xan é a historia dun peculiar millenial que non emite ningunha palabra. A produción online colleitou importantes éxitos ao seu paso por festivais como o Carballo Interplay. Trátase dunha webserie cómica cun certo ton surrealista co-dirixida por Lucía Estévez e Miguel Canalejo, quen tamén a protagoniza. O seu argumento xira arredor dun personaxe que non fala, pero é quen de analizar todo o que acontece ao seu redor. Amais, fai unha vida bastante normal, ten colegas cos que pasa as tardiñas, come xeados e le banda deseñada, pero sempre hai algo que fai perigar o equilibrio natural da súa existencia.
Outra das nomeadas este ano é foi a que está considerada como primeira serie interactiva en galego, Amnesia 3.0, escrita e dirixida por Irene Pin. A serie, que recibiu o premio á mellor produción de proxecto do festival de contidos dixitais Carballo Interplay, constitúe un fito dentro da ficción dixital en Galicia, pois ofrécese a posibilidade de que o espectador se achegue á historia por un ou outro itinerario que el mesmo poderá escoller. Deste xeito Amnesia 3.0 convértese na primeira aposta interactiva galega que nace dunha teima por romper os límites impostos.
A webserie Xan, galardoada na edición 19 dos Mestre Mateo
Compartir Este Artigo

