En 2015 presentouse Google Fotos como un servizo de almacenamento de imaxes e vídeos na nube que prometía espazo ilimitado para imaxes de ata 16 Mpíxeles e vídeos ata Full HD, pero o pasado mes de novembro Google realizou un anuncio que provocou un grande impacto entre os usuarios de Android, afeitos a usar a nube de Google como unha copia dos contidos captados co smartphone, porque ante o feito de que máis de 1.000 millóns de persoas copien semanalmente 28.000 millóns de fotografías no servizo, levou a Google a pechar a billa.
A partir de hoxe mesmo, as fotografías que se teñan almacenado en Google Fotos en alta calidade (ou sexa, codificadas para cumprir coas condicións de Google para ter almacenamento de balde) manterán as condicións actuais (ou sexa, que non será preciso mudar de servizo para conservar o seu almacenamento de balde) pero os contidos que se garden en Google Fotos dende hoxe ocuparán o almacenamento en liña que ofrece Google, que compártese con outros servizos (como Gmail e Drive), polo que a intención de Google é clara: provocar que os seus usuarios pasen do plan de balde, cuns 15 GB de almacenamento, a algún dos plans de pagamento, que van dende os 1,99 euros/mes por 100 GB de almacenamento ata 9,99 euros/mes por 2 TB.
Este cambio na política de Google está a ser moi mal recibido polos usuarios, xa que o almacenamento ilimitado de fotografías na nube vendéuselles como unha prestacións dos seus smartphones, e en moitos outros casos os usuarios abandonaron outros servizos fotográficos para aproveitar a proposta de Google, o que incluso levou a que grandes servizos como Flickr pasasen a converterse en irrelevantes, e agora que Google Fotos muda de condicións os anteriores competidores non están en posición de recuperar o pulo perdido. Sorprendentemente os reguladores da competencia non adoptaron posicións sobre este tipo de prácticas cada vez máis frecuentes por parte de xigantes da Internet, coas que non só aniquilan aos competidores, senón que se logo abandonan ao negocio deixan ao usuario desatendido (como aconteceu no seu día con Google Reader).
Adeus ao almacenamento ilimitado en Google Fotos
Compartir Este Artigo
