O conselleiro de Economía, Francisco Conde, visitou no mediodía deste 19 de xullo as instalacións do Parque Tecnolóxico de Galicia, Tecnópole, para dar a benvida ao seu novo director, que é, como informamos hai uns días dende Código Cero, o empresario Javier Taibo.
Durante o encontro, no que tamén participaron o alcalde de San Cibrao das Viñas, Pedro Fernández, e o delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, Conde fixo referencia ao actual contexto de recuperación produtiva, destacando o papel que xogará a Tecnópole como “soporte a actividade dos sectores económicos e dos emprendedores”, axudándolles na consecución da transición ecolóxica e dixital.
O conselleiro agradeceu a disposición e compromiso a Javier Taibo para “liderar, a través do seu coñecemento profesional, un proxecto que saberá aliñar os seus obxectivos propios coas necesidades do tecido empresarial de Ourense e de toda Galicia”. E engadiu: “Ten a oportunidade de desenvolver esta nova etapa dentro de Tecnópole que lle dea continuidade, estabilidade e que sexa un foco importante para atraer investimentos e poder captar e reter talento”.
Pola súa parte, Taibo mostrou a súa “ilusión” por poñerse á fronte do proxecto e asegurou que arrancará proximamente os contactos con todos os axentes implicados con vistas a levar a cabo o plan estratéxico do parque. O obxectivo, dixo, será “xerar novas oportunidades empresariais e reter o talento galego”.
No seu recorrido polo parque empresarial, Francisco Conde quixo visitar algunhas das empresas que forman parte del, como KeyMetriks e Fentotek, ao mesmo tempo que recordou a ampliación en 341.000 m2 prevista do solo industrial no Tecnópole.
Francisco Conde visita ao novo director da Tecnópole, Javier Taibo
Compartir Este Artigo

