A compañía de telecomunicacións Avatel vén de facer balance das cifras acadadas a través do seu Operador Móbil Virtual completo (OMV Full), co que foi quen de superar as 200.000 liñas. A empresa pon o foco no feito de ter conseguido esta cifra en menos de sete meses e “a un destacado ritmo de crecemento que a situou mes a mes entre os líderes do país en portabilidades”.
A operadora morada lanzou o seu OMV Full o pasado mes de xullo como parte da súa estratexia de crecemento. Avatel quixo reforzar, con esta novidade, a súa capacidade para crear as súas propias ofertas e o control sobre a calidade do servizo. Desde entón, o incremento de clientes produciuse “a un ritmo elevado e constante”, o que lle permitiu alcanzar as 200.000 liñas no mes de xaneiro.
O volume de portabilidades mantívose, chegando a superar os 30.000 durante catro meses consecutivos, de agosto a novembro, segundo os datos que manexa a compañía, que segue sumando usuarios.
“Estes resultados son consecuencia da execución da folla de ruta estratéxica posta en marcha en 2019 polo equipo directivo, co obxectivo de facer de Avatel un proxecto de primeira liña a nivel nacional e único no panorama das telecomunicacións pola súa vinculación e o seu foco na contorna rural”, aseguran desde a operadora.
A compañía, que ten raíces galegas, ofrece conectividade de banda larga a través da súa rede de fibra óptica; telefonía fixa, telefonía móbil e contidos televisivos coa súa plataforma Avatel TV.
A operadora morada conta na actualidade con máis de 2.200 empregados e máis de 300 de puntos de venda e atención ao cliente, incluídos os acabados de estrear de Ribeira e Sada.
Avatel arrinca 2022 superando as 200.000 liñas móbiles na súa OMV Full
Compartir Este Artigo

