Este 8 de marzo saía adiante por unanimidade a proposta do PSdeG na que se lle pedía á Xunta un programa de medidas (con fondos propios) co obxectivo de atallar o uso problemático da Internet e das redes sociais por menores e adolescentes. A voceira de Política Social do PSdeG, Marina Ortega, encabezaba esta idea perante as graves consecuencias que trae parello ese tipo de uso non supervisado, e que está a ter un meirande impacto nun contexto tan complexo como o da pandemia e a recente guerra de Ucraína.
A deputada socialista fixo fincapé nos problemas derivados do mal uso de Internet entre menores e adolescentes, entre os que salientou: os cada vez máis numerosos conflitos familiares entre pais e fillos, un aumento do trastorno do sono, da alimentación ou de malos hábitos en menores. Outro punto a ter moi en conta é a adicción aos videoxogos, a falta de aceptación da propia imaxe ou o acceso á pornografía dende idades moi temperás, o que ten unha maior afectación sobre as mulleres.
“Cando todo isto pasa, hai que tomar medidas de calado”, proclamou porque “non podemos deixar que a autoestima dos nosos fillos se mida nunca en número de limes”.
Marina Ortega advertiu de que as listaxes de agarda nas unidades de saúde mental infantoxuvenil están a ser “inasumibles para os problemas dos que estamos a falar”. Por isto, defendeu que ese programa de medidas debe incluír accións coordinadas en diferentes niveis como o da educación, o da sanidade, o da seguridade, o da familia ou o dos servizos sociais e igualdade. Asemade, debe ser comunitario para que conte coa participación e o consenso de diferentes institucións e axentes sociais.
No dito encontro do salón de plenos do Parlamento tamén se atopaba o profesor Rial, líder do equipo universitario galego no que Unicef España se fixou para realizar o Estudo sobre uso problemático de internet en adolescentes. Hai que engadir a presenza dunha representación da Plataforma Galega pola Infancia, coa súa vicepresidenta Mónica Viqueira, quen “representa hoxe máis ca nunca aos movementos sociais e activistas que loitan día a día polos dereitos da infancia no momento histórico tan complexo e sen precedentes que estamos a vivir, cunha crise humanitaria que afecta duramente a centos de miles de nenos e nenas”.
Texto do acordo aprobado no Parlamento
O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a elaborar un programa de medidas, orzamentado con fondos propios, coa finalidade de dar unha resposta efectiva ao uso problemático da Internet e das redes sociais por menores e adolescentes e que responda necesariamente aos seguintes criterios:
1. Carácter integral/transversal (que inclúa accións, no ámbito das competencias autonómicas, coordinadas nos diferentes ámbitos: educativo, sanitario, social,…)
2. Comunitario, consensuado: incorporará achegas que poidan realizar diferentes institucións, expertos na materia e axentes sociais ao respecto.
3. Permitirá actualizar a carteira de servizos en materia de prevención de adicións, no marco do proceso de elaboración dunha nova Lei de prevención de adicións en persoas menores de idade en Galicia, incorporando intervencións específicas sobre o uso axeitado de dispositivos e tecnoloxías dixitais.
4. Dará máxima prioridade á prevención como mellor ferramenta para conseguir que os adolescentes fagan un uso responsable das novas tecnoloxías, aproveitando as súas potencialidades e evitando os riscos asociados ao seu uso.
O PSdG consegue activar un programa de protección de menores perante o mal uso de Internet
Compartir Este Artigo

