
“Queremos dar a coñecer estes tesouros dun xeito máis transversal e socializado sobre todo entre a xente máis nova, polo que optamos por canles e formatos de difusión máis axustados ao perfil da mocidade” asegura Xosé Lois Penas.
Os seis videoclips foron gravados en localizacións de especial interese histórico e cultural como son o Dolmen de Dombate, o Castelo de Vimianzo, o forno do Forte, as Torres do Allo, as Torres de Altamira e o Mosteiro de Caaveiro.
Os vídeos subiranse os luns, a partires do 20 de marzo, á canle de Youtube da Deputación e, ao longo de cada semana, realizaranse diversas accións de difusión a cargo de creadoras de contidos culturais e xestores de comunidades como Ola Xon Mario!, Orgullo Galego ou Rodri Míguez. Toda a produción e coordinación técnica correrá a cargo da Cooperativa Audiovisual Suseia.
Todos os luns o perfil de Youtube da Deputación publicará un vídeo-clip que servirá como arranque para comezar coa difusión. As noites dos luns Rodri Míguez fará unha análise dun minuto do espazo escollido para interpretar a canción, os martes á tarde a conversa será en Twich da man de Orgullo Galego, os mércores Ola Xon Mario! encargarase de poñer a nota de humor e os xoves un post de Orgullo Galego achegará lendas e datos de interese relacionados co ben de interese.
Entre as bandas e solistas que participan existe unha grande variedade de xéneros musicais e propostas creativas: Adhara and Ritman coa súa mestura de folk e soul; O Rabelo que interpretará un tema tecno-tradi; Minguante e a aposta polo pop-indie; Técor Societario cun tema punk-folk; Sofia Espiñeira coa frescura do pop en galego e Lisdexia cunha aposta polo pop-punk.
O Patrimonio da Deputación da Coruña, protagonista dunha campaña transmedia
Compartir Este Artigo

