Unha vintena de centros educativos de toda Galicia incorpóranse este curso, nunha primeira fase experimental, ao modelo de educación patrimonial Ponte… nas Ondas!, recoñecido pola UNESCO en 2022. A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades publicou a resolución de centros seleccionados nunha convocatoria que espertou o interese de case 40 centros de ensino. O proxecto Ponte… nas Ondas!, como lembraremos, leva anos tendendo pontes de irmandade entre escolares galegos e portugueses arredor do noso patrimonio común e empregando formatos innovadores como, principalmente, o formato podcast.
O obxectivo desta iniciativa da Consellería é ir incorporando progresivamente ao sistema de ensino público o modelo internacional Ponte… nas Ondas!, recoñecido polas Nacións Unidas como exemplo de boas prácticas en materia de sensibilización co patrimonio na infancia.
Os centros que se incorporan este curso á Rede de centros Ponte… nas Ondas! son os reflectidos na seguinte listaxe:
– IESde Catabois – Ferrol
– IES Plurilingüe Fontexería – Muros
– CPI Plurilingüe Antonio Faílde – Coles
– CEIP Plurilingüe Ben- Cho-Shey – O Pereiro de Aguiar
– CPI Virxe da Saleta – San Cristovo de Cea
– IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez – A Estrada
– IES Plurilingüe Terra de Turonio – Gondomar
– CEIP de Petelos – Mos
– IES de Ponte Caldelas – Ponte Caldelas
– IES do Barral – Ponteareas
– IES Luís Seoane – Pontevedra
– IES Sánchez Cantón – Pontevedra
– CEP Altamira – Salceda de Caselas
– IES Pedras Rubias – Salceda de Caselas
– CEP Carlos Casares – Salvaterra de Miño
– IES de Salvaterra de Miño – Salvaterra de Miño
– IES Indalecio Pérez Tizón – Tui
– CEIP Plurilingüe Seis do Nadal – Vigo
– EEI Vila Laura – Vigo
– IES Politécnico de Vigo – Vigo
Escola, radio, patrimonio e lazos coa lusofonía
O modelo Ponte… nas ondas! naceu da man da Asociación Cultural e Pedagóxica que leva o seu mesmo nome no ano 1995 na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, como fórmula para favorecer o estreitamento dos lazos entre a comunidade educativa das escolas do sur de Pontevedra e do Alto Minho co ámbito da lusofonía e para tender pontes de comunicación entre galegos e portugueses, botando man das novas canles da información e dos contidos dixitais como os audios podcast.
A este obxectivo, en 2002 incorporouse o compromiso para a recuperación e difusión do Patrimonio Cultural Inmaterial común para Galicia e Portugal. En 2022, o XVII Comité Intergubernamental da UNESCO aprobou a súa inscrición no Rexistro de Boas Prácticas do Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO como un modelo de referencia.
Coa incorporación paulatina deste modelo ao sistema educativo público galego búscase “reforzar a implicación dos nenos e mozos nas súas propias tradicións e crear conciencia sobre a importancia do patrimonio cultural inmaterial, a valorización do propio e garantir a transmisión ás novas xeracións ao tempo que seguir traballando en afianzar os lazos coa lusofonía e o vínculo con Portugal”. Os centros educativos participantes contarán cunha serie de recursos e serán recoñecidos como centros Ponte… nas ondas! Modelo de boas prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI).
Unha vintena de centros de toda Galicia incorporan ás súas aulas o modelo de Ponte… nas Ondas!
Compartir Este Artigo

