Adquirir coñecementos en materia de educación no ámbito tecnolóxico é o requisito imprescindible para facerse cun carné de Ciberexperto, así sinalaba este martes 23 de xaneiro a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, na súa visita ao CEIP Manuel Mallo Mallo, en Nadela, para colaborar xunto coa Policía Nacional na entrega destes carnés de especialistas dixitais a escolares da provincia.
A subdelegada agradeceu aos colexios o interese posto en solicitar estas actividades pertencentes ao Plan Director. Isabel Rodríguez, acompañada do comisario provincial xefe, Luis Romera, o formador do Plan Director da Policía Nacional, Rubén Darío Veiga, e a directora do centro, María Teresa de Juan Lerma, levaban a cabo a entrega de 19 carnés a nenos e nenas de 6º de primaria.
A subdelegada do Goberno salientou que “con este programa, os alumnos e alumnas da provincia estarán máis preparados para facer fronte aos riscos de Internet e saberán como proceder e actuar ante unha ameaza na Rede.
Esta actividade forma parte do Plan Director da Policía Nacional, que serve como ferramenta educativa para o ámbito escolar. Con este colexio, xa son 70 alumnos e alumnas de toda a provincia os que recibiron o seu carné de Ciberexperto neste curso 2023/2024. A previsión é que este ano se supere a cifra do curso pasado, pasando a entregar máis de 340 carnés nos colexios de toda a provincia.
Isabel Rodríguez fai entrega de carnés de Ciberexperto ao alumnado do CEIP Manuel Mallo de Nadela
Compartir Este Artigo

