Como xa anunciamos dende Código Cero será mañá, venres 23 de febreiro, cando teña lugar na Coruña a segunda edición dunha charla formativa sobre como captar e reter aos profesionais das Tecnoloxías da Información (TI). A dita conferencia, que será gratuíta, está organizado polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a consultora de recursos humanos Vitae (con sede na Coruña, Vigo e Madrid), levarase a cabo na Cidade das TIC da Coruña en horario de 17 a 19 horas e será impartida polo experto en contratación e socio director de Vitae, Marcos Carbonell.
A finalidade desta acción formativa é ensinar a avaliar e seleccionar estes perfís para retelos nas empresas, xa que actualmente o mercado TI ten moita máis oferta de emprego que candidatos dispoñibles, o que produce unha gran rotación nas compañías, sobre todo os perfís de Desenvolvemento de Software.
Marcos Carbonell dará as claves para realizar esta selección e captación de persoal TI desde dous puntos de vista: o científico, que achega a psicoloxía do traballo, e desde a visión dos recursos humanos para conseguir resultados fiables e perdurables no tempo.
O relator analizará os valores, as motivacións, a personalidade e os intereses destes profesionais TI, dentro de tres grupos profesionais; os técnicos, os xefes de proxecto e os directivos. Tamén comentará as ferramentas clave que empregan as empresas actualmente para reter e captar aos profesionais TI, e os instrumentos que se implantarán no futuro.
As persoas interesadas en asistir deben inscribirse no correo informacion@cpeig.gal.
CPEIG e Vitae celebran na Coruña a 2ª edición dunha charla formativa sobre profesionais das TI
Compartir Este Artigo

