Será este xoves, 16 de maio, cando a compostelá Cidade da Cultura acolla o Ciclo de Cultura Científica da Xunta de Galicia, protagonizado por Juanjo Montiel Pérez, enxeñeiro sénior de software de Microsoft que achegará unha ollada desde a discapacidade e a plena integración da tecnoloxía na conferencia Tecnoloxía: inclusión ou exclusión… dúas letras e unha vida de diferenzas.
Indo ao relator, dicir que Juanjo Montiel Pérez é invidente desde o seu nacemento, adícase desde 2007 de xeito profesional a crear aplicacións accesibles tanto web como de escritorio. Moitas delas teñen o obxectivo de facer máis doada a vida das persoas con discapacidade visual, dende permitirlles conxuntar a roupa, como descargar libros de xeito accesible ou participar en xogos de rol, entre outros.
O seu talento valeulle en 2017 o premio Most Valuable Professional de Microsoft, outorgado pola multinacional ás persoas máis salientables nas comunidades técnicas que comparten os seus coñecementos e lideran cambios.
Na conferencia do xoves, Juanjo Montiel afondará en como a tecnoloxía pode ser un aliado ou un obstáculo, cando non se emprega con sentid. Desde unha óptica do deseño universal das ferramentas tecnolóxicas achegará numerosos recursos accesibles prácticos, sinxelos e ao alcance de calquera persoa para desenvolver as tarefas máis habituais, como mercar un billete de transporte ou a unha aplicación de móbil, nas que moitas veces as persoas invidentes atopan problemas.
O relatorio poderá seguirse de maneira presencial no auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia (Cidade da Cultura de Santiago), de 18 a 19:30 h, e tamén será retransmitida en streaming na canle de YouTube da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Baixo o título Tecnoloxía con sentidiño, o Ciclo de Cultura Científica da Xunta chega ao seu ecuador, tras as conferencias de Héctor Ruíz Martín, Espido Freire e José César Perales. O 28 de maio, Javier Saéz de los Terreros (responsable da comunicación dixital do Museo do Prado en Madrid), descubrirá aos asistentes como achegar a tecnoloxía cara a un público que non visita os museos co relatorio Estratexias de comunicación dixital. As redes sociais do Museo do Prado.
O 4 de xuño será a quenda de Francisco Bellas Bouza (investigador e especialista en Intelixencia Artificial do CITIC da Universidade da Coruña e do Centro de Innovación Educativa e Dixital) quen abordará o impacto das novas tecnoloxías na sociedade con Educación na era da Intelixencia Artificial: vaiamos amodo.
Para rematar, a última conferencia desenvolverase o 11 de xuño, da man de Luís Sánchez Santos (profesional sanitario do SERGAS), quen achegará unha visión desde a pediatría e as Ciencias da saúde co relatorio Cruzando saúde infanto-xuvenil e tecnoloxía.
Engadir que o ciclo está dirixido ao público en xeral, comunidade educativa e aos docentes. O profesorado asistente ao ciclo completo recibirá un certificado de 12 horas de formación do profesorado. Coas charlas configurarase un libro, cun artigo específico para cada unha delas.
Juanjo Montiel, enxeñeiro sénior de Microsoft, inaugura o Ciclo de Cultura Científica
Compartir Este Artigo

