A plataforma de streaming de vídeo SkyShowtime anuncia hoxe que a partir do 1 de xullo estará presente na oferta de canles de Prime Video de España a un prezo de 7,99 euros/mes, cun desconto promocional do 50% os 3 primeiros meses (oferta que inclúen dentro do Prime Day que rematará o 17 de xullo).
Lembremos que SkyShowtime tamén está dispoñible de xeito independente en España a un prezo de 7,99 euros/mes no seu plan estándar e a 4,99 euros/mes con publicidade, polo que a contratación a través de Prime Video non supón unha grande vantaxe económica, senón que ten como principal beneficio a súa integración nunha aplicación coa que os usuarios xa están familiarizados e que está dispoñible para un amplo abano de dispositivos. De feito, Prime Video tamén permite a contratación doutras plataformas semellantes como Max, DAZN, FlixOlé ou Atresplayer, polo que podemos ter a impresión de que si existe un perfil de usuario que prefire unificar as distintas plataformas de streaming baixo o paraugas de Amazon.
Que SkyShowtime busque novos xeitos de aproximarse ao público non sorprende, pois dende o seu lanzamento o ano pasado a plataforma non conseguiu callar entre a audiencia pese a que chegou cunha promoción de desconto do 50% mentres se mantivese a subscrición. De feito, SkyShowtime está a recibir moitas críticas polo empeoramento do se catálogo de películas e series, que xa non ten moitos dos contidos que serviron de reclamo de lanzamento. Paralelamente, a empresa da que nace esta plataforma está negociando a súa venda nos EE.UU., frustrándose xa un par de intentos por parte de Sony Pictures e Skydance Media, en boa medida pola malísima cualificación que Paramount Global ten como investimento, xa que acumula preto de 14.600 millóns de dólares de débeda.
SkyShowtime poderá contratarse dentro de Prime Video
Compartir Este Artigo

