Docentes de Uganda e Tanzania participan esta semana na Universidade de Vigo nun curso de formación organizado ao abeiro do proxecto internacional BHE (Ahumain, Applied human machine intelligence in east Africa) unha iniciativa de cooperación educativa que ten como obxectivo impulsar a Intelixencia Artificial e a ciencia de datos no leste de África creando un plan de estudos que permita formar as enxeñeiras e enxeñeiros do futuro.
A formación arrancou o pasado luns no edificio Redeiras, onde foron recibidos pola vicerreitora de Investigación e Transferencia Belén Rubio; a directora da Área de Proxectos Internacionais de Educación, Eva Garea, e os tres responsables deste proxecto na UVigo: a directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Rebeca Díaz, e os docentes Ana Fernández Vilas e Manuel Fernández Veiga, todos eles investigadores do Departamento de Enxeñaría Telemática e do centro atlanTTic.
Segundo lembraron, a Universidade de Vigo é unha das 31 participantes nesta iniciativa internacional na que se reúnen universidades e empresas de España, Bélxica, Chipre, Tanzania, Uganda e Kenia. Levan traballando arredor de ano e medio e desta volta chegan a Vigo tras unha semana de formación en Bélxica e previamente a viaxar a Chipre o vindeiro mes de setembro. “Nesta semana poderemos centrarnos en aspectos concretos que non se abordan polo xeral noutro tipo de formacións, como os da ética e o uso responsable da IA, por exemplo, e facer énfase na presentación de ferramentas avanzadas, boas prácticas e aplicacións a industria”, explicou o profesor Manuel Fernández Veiga, coordinador do equipo da UVigo neste proxecto.
O curso, que se prolongará ao longo de toda a semana, céntranse en diferentes temáticas relacionadas coa Intelixencia Artificial (IA) e Machine Learning (ML) e, máis concretamente, en técnicas e ferramentas para aprendizaxe distribuída, o despregue automático de aplicacións e a inclusión e garantía dos aspectos éticos nos diferentes usos e ferramentas da IA.
Posto en marcha a comezos de 2023, o proxecto Ahumain busca lograr que as empresas máis grandes de África adopten a IA para os seus procesos comerciais e para iso é preciso crear un “ecosistema de IA que reduza os seus custes de desenvolvemento, axude a crear aplicacións de IA adaptadas ás necesidades locais e que reduzan a súa dependencia de empresas estranxeiras”. Para facelo posible, os socios traballan no deseño dun plan de estudos con diferentes especializacións e adaptado á situación de África oriental que conduza a unha nova xeración de enxeñeiras e enxeñeiros. Ao mesmo tempo, tamén se traballa en aplicacións da vida real de IA, implementación operativa e casos de negocios, para rachar coa teoría e dar paso a aplicacións prácticas.
O último paso será o de axudar na despregadura e implantación destes cursos nas universidades e centros de ensinanza técnica do leste de África, así como garantir a continuidade e permanencia no tempo dos resultados acadados.
Docentes africanos fórmanse na UVigo para combater nos seus países a fenda da IA
Compartir Este Artigo

